Francisco Castro ceiba as súas emocións no disco “Agora é o tempo”

O escritor e músico presenta o álbum o vindeiro sábado día 28 en Vigo no Teatro Salesianos

Francisco Castro, no seu fogar.   | // MARTA G. BREA

Francisco Castro, no seu fogar. | // MARTA G. BREA / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

O escritor Francisco Castro salta ao palco, non para asinar libros ou lelos, senón para tocar coa Banda dos Borges o seu disco “Agora é o tempo”. A cita será o 28 de outubro, o vindeiro sábado, no Teatro Salesianos en Vigo.

O ata hai unhas semanas director de Galaxia, cargo do que dimitiu, abre o álbum co tema “1906”, un tema “de amor inda que sexa moi rockeiro. O retrouxo repite ‘só preciso estar contigo e unha 1906’. Ao igual que Gabinete Caligari lle cantou ao JB e outros músicos falaron doutras bebidas, eu pensei na que a min me acompaña co paso dos anos”.

Aclara que o disco é o reflexo del, “unha persoa moi ecléctica. O álbum gravita entre o rock clásico dos 60 e a música de cantautor guitarreira”.

Respecto do título, sinala que “é o resumo perfecto do meu momento vital. Na véspera do concerto cumplo 57 anos. Sempre quixen facer música e publicar un disco. Entendín que era o momento de facelo”.

Francisco Castro aproveita as súas composicións para amosarse internamente nas letras: “A veces choro en silencio digo nunha canción. Por que os homes temos que reprimir a nosa emoción? Temos que ceibar as emocións”, sinala.

Hai tamén presenza nos temas do pesar polos conflitos bélicos. “Eu, –lembra– o día da invasión da Ucraína despois da miña participación na TVG no faladoiro no que levo participando anos, collín a guitarra acústica e compuxen un tema que serve para a Ucraína, Palestina-Israel ou calquera guerra porque como di na canción son “os señores da morte” os que verquen a ira e a metralla sobre a poboación civil. “Este mundo necesitaría ser reinventado profundamente”, defende.

Tamén comenta no CD que tivo momentos de baixón importantes. “Eu sincereime moito nos meus libros. Facelo na poesía ou nunha canción é, para min, máis doado. Son mecanismos diferentes”, engade un creador que contou na gravación con músicos como o productor Federico Weliki, o percusionista Toni Mateos e Henry Villalobos (metales).