Unha investigación da USC sitúa en 1786 a primeira muiñeira con notación musical

REDACCIÓN

A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese na Universidade de Santiago (USC), ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.

Alonso, que comezou a traballar no aspecto máis humano e social da música da man do antropólogo Marcial Gondar, concluíu a súa tese baixo a dirección da tamén antropóloga Nieves Herrero. Nas súas pescudas confirmou que a evolución política do provincialismo e do rexionalismo, como antecedentes do nacionalismo no século XIX, levou a unha busca de elementos que conformasen a identidade galega e á formación dun canon da música galega que se basea “nunha escolla, na recuperación da música tradicional, folclórica”. É nese momento cando a muiñeira é considerada como un símbolo de Galicia.

O seu antecedente directo era “un baile chamado gaita galega”, que non se interpretaba necesariamente co instrumento do mesmo nome, e que “desde o século XVII circulaba pola península ibérica”.

A referencia máis antiga á muiñeira aparece “nun texto de 1745 de frei Martín Sarmiento”, quen por certo compara os movementos deste baile cos que fan as galiñas e os galos, especialmente “os saltos que fan os galos”; a primeira destas composicións que puido atopar con notación musical Julio Alonso está datada no Nadal de 1786 e asínaa “o mestre de capela da Catedral compostelá Melchor López”.

Desta maneira, López actúa de mediador para incorporala á música culta. A partir da publicación da ‘Historia de Galicia’ de José Verea e Aguiar en 1838 xorde “o discurso que consolida a muiñeira como paradigma e referente identitario para Galicia”, apunta Alonso.