Entrevista | Javi Maneiro Cantautor

“Agora fago exercicio tres días por semana e os meus amigos chámanme rockeiro de merda”

Maneiro pecha a súa xira “Un bonito despertar” este sábado no Teatro Principal de Pontevedra

JAVI MANEIRO, VOZ DE HEREDEIROS DA CRUZ.

JAVI MANEIRO, VOZ DE HEREDEIROS DA CRUZ. / Marta G. Brea

Gala Dacosta

Gala Dacosta

As letras de Javi Maneiro, vocalista de Heredeiros da Crus e Jabón Blue, teñen un poder especial, e é que poden facer tanto rir como chorar segundo o momento. O que queda claro é que “o fillo da Necha” continúa a ter ese “Corasón de carballo” e esa visión ás veces agria e ás veces doce, pero sempre ilusionada da vida: o corpo paroulle no 2022 e entón renaceu. De aí saíu finalmente “Un bonito despertar”, o álbum que asina só como Maneiro e cuxa xira finaliza este sábado no Teatro Principal de Pontevedra.

–Que sensación leva desta xira que remata no Teatro Principal de Pontevedra?

–Sabes esa boliña que se ve nas películas do Oeste pasando cando non hai ninguén? Síntome así, pasando cada vez por diante de máis xente e enchendo as salas de concerto con xente gozando.

–Soa melancólico, pero entendo que é unha sensación boa.

–Moi boa, boísima. De feito o último concerto que tiven, en Vigo, foi espectacular, e o mesmo en Ferrol. E mira que en Vigo hai moita oferta musical que coincide ao mesmo tempo, así que meter xente alí non é fácil porque ten que elixir. Que te elixan é unha marabilla.

–“Un bonito despertar” escribiuse antes ou despois do derrame?

–Foi antes, nas vacacións da fábrica de decembro. Cando nos reunimos os Heredeiros para ver que faciamos o ano seguinte polos 30 anos comenteilles que tiña ganas de facer algo pola miña conta, de sacar un disco en galego. Eles non querían facer nada para celebralo e a min pareceume que era o momento de darlles algo aos nosos segiudores. Díxenllelo e púxenme a escribir e a tocar a guitarra e en menos de quince días estaba o disco feito.

–Iso é moi pouco tempo para un disco.

–Foi o disco que máis rápido escribín nunca. En marzo xa estabamos en Madrid gravando as baterías, imaxina.

–Por que cre que foi un proceso tan natural? Tiña ganas dende hai tempo?

–Eu non sei se foi algo premonitorio ou se foi algo que tiña dentro querendo saír. Algo en min quería renacer, imaxino que sentía a monotonía e o cansancio de facer sempre o mesmo. O caso é que ao pouco o corpo paroume en seco. Eu non escoitei ao meu corpo e el parou en seco.

–Parecen premonitorias as letras do álbum, tan claras como en Coruxas: “Estou ata o carallo do traballo. Ninguén escapa vivo desta vida, hai que vivila”. Ao mesmo tempo, son letras moi vitais.

–Si, o que pasou fíxome ver que o meu corpo precisaba espertar. E o disco fala do mesmo, do paso da escuridade á luz, de preguntarse a un mesmo se é feliz, se conseguiu o que quería na vida: dar ese paso a cambiar, que sempre é un proceso de dor tamén. Ás veces non te atreviches a facer algo e cando por fin o fas dis “E por que non me atrevín antes, se agora estou de puta madre?”.

–En toda a súa discografía anterior hai un pouso agridoce, pero este é bastante máis doce ca agrio.

–Seguramente isto naceu porque necesitaba máis ca ninguén esa enerxía para disfrutar da vida doutra maneira e contaxiarllo á xente. Quería dicir a todos que o tempo de ser feliz é agora, como digo no disco.

–E despois da xira, pensa continuar a facer moitas máis cousas este ano?

–Nada máis rematar sairá o videoclip oficial de “Un bonito despertar”, que estamos gravando na propia xira. Logo, con Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados teño a intención de sacar un par de temas en acústico porque somos dos que pensan que se unha canción funciona a guitarra e voz, é que esta ben feita, está chula.

–Pero non para.

–Xa, ademais desta xira están saíndo moitas ofertas de concertos en Galicia e tamén por alá fóra.

–Ten feito bastante cousa en castelán nos últimos anos, pero o disco é integramente en galego. Síntese máis cómodo cantando en galego?

–Agora estamos presentando este disco, pero o que pasa é que en directo non dá para aguantar hora e mediade concerto. Por iso introducimos temas de Jabón Blue e dos meus antigos discos en solitario, pero para min ir a Madrid a cantar os meus temas en galego non supón ningún tipo de problema. É máis, mola que a xente escoite cantar en galego.

–E escribindo?

–Para min é máis fácil escribir en galego, pero a liberdade que che dá ser artista en solitario é a de poder facer en calquera momento o que che apeteza. A min gústame esa liberdade de facer o que sinto no momento no que me poño a escribir, e iso ten que ver coa temática, co estilo e co idioma. Eu non quero ir en liña recta, a min o que me gusta é ir polas corredoiras e quedar cos olores e co licor café dos bares polos que paso.

–E que tal se atopa de saúde?

–Estou acabando a rehabilitación e agardando a que baixen o tratamento, que leva tempo. E deixei de fumar. E fago exercicio luns, mércores e venres... Os meus amigos chámanme rockeiro de merda. Pero bueno, eu son moi feliz agora e estou máis forte ca nunca nun escenario e podo bailar co meu estilo “rarito”. O día que aprenda a bailar será unha catástrofe.

–Como leva compaxinar traballar na fábrica con andar xirando?

–Agora non o estou compaxinando mentres estou co tratamento. Non podo conducir un vehículo con mercancía pesada. Agora estou nun momento de absoluta tranquilidade no que estou centrado na música. Se tivese que definir cunha palabra este momento, sería a calma. Estou feliz así, tocando os meus temas e coa xente coa que estou rodeado como equipo de traballo.

Suscríbete para seguir leyendo