Continúa o ciclo conmemorativo da Revolución dos Caraveis

REDACCIÓN

O Ateneo de Pontevedra organiza, baixo o título “50 anos dun soño: 25 de Abril, sempre” un ciclo de dúas xornadas conmemorativas dun feito tan relevante política, cultural e socialmente como o foi a Revolución do 25 de Abril de 1974 en Portugal, coñecida popularmente como a Revolución dos Caraveis.

Trala cantata comunal e pública do Grândola, Vila Morena do xoves 25 de abril, celébrase a segunda xornada consistente nunha palestra divulgativa titulada Todos eles foron Capitáns, coordinada pola doutora en Historia Contemporánea e investigadora María José Tíscar, na que intervirán os membros do Movemento das Forzas Armadas (MFA) Capitán de Navío Pedro Cunha Lauret, Capitán de Navío Carlos de Almada Contreiras e Coronel Antonio Rosado da Luz.