A música de Treixadura, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Tanxugueiras, de balde en Poio

O festival Sons de Ankar celebrarase o vindeiro sábado 29 de abril

Tanxugueiras.

Tanxugueiras. / ROCIO CIBES

R. P.

Tres dos nomes máis relevantes da música tradicional galega, máximos representantes de tres xeitos moi distintos de entender a música de raíz, conforman o cartel da edición de 2023 do festival Sons de Ankar. É a primeira vez que Tanxugueiras, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Treixadura coinciden un mesmo escenario. O festival celebrarase o sábado 29 de abril no parque de Ankar, en Poio, a partir das 19.00 horas. A entrada é de balde.

O trío de pandeireteiras formado por Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro (Tanxugueiras) confirmáronse no 2022 como a gran revelación da música tradicional galega dos últimos tempos. Midas, Figas e, finalmente, Terra, o tema co que concorreron ao Benidorm Fest, puxeron o seu nome en boca de todo o mundo e leváronas aos carteis de festivais en todo o Estado. A publicación do seu álbum Diluvio e a repercusión que acadaron entre públicos de moi diferentes idades e estilos, tanto dentro como fóra do noso territorio, puxo defintivamente patas arriba a escena musical galega.

Xabier e Adufeiras

Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre / FdV

Poucos músicos hai tan respectados en Galicia, xa non só na escena do tradicional senón en xeral, como Xabier Díaz. Nos seus máis de 30 anos de traxectoria figura a participación en grupos tan relevantes para a nosa música como Xacarandaina, aCadaCanto e, por suposto, Berrogüetto chamou á porta de Xabier a inicios de 2008 e a viaxe durou até 2014, ano no que se anunciaba a disolución da banda.

Dende que no 2015 editou The tambourine man xunto ás Adufeiras de Salitre, a súa reputación non fixo senón medrar. Foi quen de conseguir que a música tradicional galega soase en escenarios, foros e festivais ata entón impensables para o xénero.

Treixadura

Treixadura / FdV

Pola súa banda, Treixadura veñen reafirmando dende 1990 a súa vontade de observar, entender e interpretar a música tradicional galega desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita. Ao longo destas tres décadas o grupo foi modelando o seu camiño e transformando o seu estilo, sen renunciar ao seu son característico. Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a música tradicional ao máximo nivel. Rescatando do anonimato moitas melodías e creando outras tantas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de enlazar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.