“Días de intemperie”, de Riveiro Coello

Nove pezas sobre as guerras de Siria, Ucraína, Vietnam, a Guerra Civil e a II Guerra Mundial

Antón Riveiro Coello.

Antón Riveiro Coello. / FdV

R. A.

Aparece agora un novo libro de relatos, ‘Días de intemperie’ (Editorial Galaxia), nove pezas coa particularidade de que cadansúa historia se desenvolve nun conflito diferente que vai dende a Guerra Civil ata guerras activas como as de Siria ou Ucraína, pasando pola Segunda Guerra Mundial ou a de Vietnam.

O pano de fondo neste libro funciona coma un fío que ensarilla as doas, a guerra, as guerras. Mesmo hai un relato tan duro como magnífico, ‘A bolboreta de prata’, que non ten máis localización ca unha guerra abstracta.

Como xa fixera nalgunhas das novelas máis recoñecidas e premiadas, como ‘As rulas de Bakunin’, ‘Laura no deserto’ ou ‘O paraíso dos inocentes’, Riveiro Coello sitúa no abismo bélico os seus personaxes, sabedor de que nunha situación límite se abre unha excelente ocasión como narrador para confirmar a habelencia na análise psicolóxica, o dominio na tensión narrativa e tamén a unidade do relato.

Cunha calidade literaria indiscutible, o autor entra unha vez máis no corpo e na alma de seres tan vulnerables coma nós, atrapados no trauma dunha guerra e, dalgún xeito, tamén empurrados cara a unha loita feroz pola supervivencia que mesmo os converte en monstros.

Cando lemos ‘Días de intemperie’, ás veces co peito encollido pola realidade crúa que se nos presenta, asáltanos a sensación de que nos estamos a ver nun espello, porque con cada páxina temos a íntima certeza de que nós non seriamos mellor ca eles.

En todo momento, a preocupación destes relatos fica reducida en exclusividade á esfera humana, non ás grandes estruturas das guerras, e o autor logra somerxernos neses mundos desolados e sen esperanza, non tan alleos, e convéncenos de que as persoas, con independencia das presións ás que son sometidas, sempre son responsables dos seus actos, porque renunciar a iso sería tanto como renunciar á súa pertenza humana.

“Días de intemperie”, de Riveiro Coello

“Días de intemperie”, de Riveiro Coello / Galaxia

Por desgraza, a realidade adoita lembrarnos que os monstros abundan entre as persoas comúns, e só se teñen que dar as circunstancias precisas para que a crueldade saia á superficie e se revele en toda a súa esencia. Así, en cadanseu relato vemos xurdir o mellor e o peor de persoas que o perden todo: a parte material, os seres queridos, a identidade, o traballo ou o fogar, que ten un alto valor simbólico, pero Riveiro Coello céntrase en temas concretos que abranguen dende os coidados, a fidelidade, a homosexualidade, a covardía ou a vinganza, que acaba igualando vítimas con verdugos cando as primeiras se converten en asasinas das segundas.

Hai tamén unha clara homenaxe á cultura, como xa acontecía en ‘Laura no deserto’ ou ‘As rulas de Bakunin’, porque no terror pódense abrir camiños cara á beleza dos libros ou do teatro, e funcionar como salvoconduto para a liberdade e coma un escudo contra a loucura e a brutalidade. O autor opta por unha perspectiva dura, sen panos quentes, nin tenruras excesivas, e mesmo abre e pecha o libro deténdose nas infancias roubadas e entregando algún relato antolóxico coma ‘Os orfos’, un dos que máis me gorentaron, como lector fiel que son deste autor.

Velaí pois ‘Días de intemperie’, un libro onde o importante, tal como se nos di na contracapa, é o resultado conmovedor dunha escrita poderosa que, unha vez máis, ispe os personaxes para os deixar nunha intemperie que tamén podería ser a nosa.

(*) Fisterra. Relato curto en Galicia ofrece un avance de “Un vestido para Vera Gurtélov”.

Suscríbete para seguir leyendo