O galego, nas letras e nas cervexas

Dende actos culturais a un evento social nun bar para homenaxear a Luísa Villalta

Unha parella disfruta da I Día da Cervexa en Galego, organizado no bar Moucho.

Unha parella disfruta da I Día da Cervexa en Galego, organizado no bar Moucho. / ALAN PÉREZ

Cantigas, conferencias e poesías recordan estes días a figura da escritora, poeta, ensaísta, filóloga e violinista Luísa Villalta (1957-2004), a protagonista do Día das Letras Galegas deste 2024. A provincia homenaxea a pegada da coruñesa na literatura galega con múltiples actos, tanto culturais como sociais, arredor da mesa dun bar. A poboación tamén aproveita esta data tan sinalada para reivindicar a lingua, a cultura e a historia galega. Onte, na antesala da propia xornada, xa foron moitos os actos para festexar o Día das Letras Galegas.

Beber, tamén en galego

A cervexaría O Moucho da cidade decidiu festexar as letras galegas cunha “simpática iniciativa”, en palabras do dono, Chicho Pérez. Xunto con Raúl Merino, de Cerveza Santocristo, organizaron o I Día da Cervexa en Galego. “Raúl fixo unha cesta de regalos para sortear entre todos os que pidan unha pinta en galego”, explicaba onte Pérez.

Profesionais da cervexaría e clientes posando no día de onte cunhas pintas.

Profesionais da cervexaría e clientes posando no día de onte cunhas pintas. / Alan Pérez

A proposta arranca con vontade de repetirse cada ano, sempre na tarde previa ao Día das Letras Galegas: “Ao ser un día festivo, na tarde anterior sempre tes máis tempo para saír un pouco. Ademais, sempre hai algo que celebrar, así que esperemos que esta sexa o primeiro de moitos días da cervexa en galego”.

No campus de Ourense

O campus da cidade foi o escollido para acoller o acto oficial da UVigo. A Facultade de Educación e Traballo Social centrou a celebración, na que participou o rector da institución, Manuel Reigosa. “Este día é unha oportunidade para celebrarmos a cultura galega e o feito de ser galegos”, sinalou. Nese sentido, recalcou o compromiso estratéxico da UVigo ca lingua e reivindicou “o efecto multiplicador que supón que as persoas que saian das nosas aulas usen o galego”. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, tamén presente no acto, recordou que “a lingua é o maior tesouro cultural que pode ter un pobo”.

A cita incluíu un coloquio arredor da figura de Villalta entre a profesora da UVigo Isabel Mociño e a xornalista Montse Dopico. Na conversa lembraron a defensa do feminismo e galeguismo da autora, así como as súas moitas facetas, desde a literatura á docencia, música ou xornalismo. O alumnado da facultade tamén quixo participar na xornada conmemorativa ca proxección de varios videos realizados nas aulas. Como novidade, a UVigo entregou no acto o seu distintivo de galeguización Gal Ego 2023, posto en marcha para incentivar o uso da lingua galega. Xustamente, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense foi a gañadora do galardón. Por outra banda, a institución entregou os seus premios de poesía, relato curto e tradución, que poñen en valor a creatividade literaria en galego dos membros da comunidade.

Máis de 700 escolares no CEIP Covadonga

O CEIP Covadonga da cidade acolleu onte a celebración do Día das Letras Galegas organizada pola Concellería de Educación, na que participaron máis de 700 escolares de 9 dos colexios da cidade. Os festexos contaron con cancións e bailes tradicionais e modernos, ademais de lecturas de poemas e textos. Así, no patio do centro educativo escoitáronse cantigas galegas tan coñecidas como a “Muiñeira de Chantada”, “Millo verde”, “O Verdegaio” ou “O Cuco”. Ademais da lectura dalgúns dos textos da homenaxeada, Luísa Villalta, os estudantes presentaron manifestos realizados nos seus centros coa axuda dos docentes. A actividade, de dúas horas de duración, contou coa participación da concelleira de Educación, Tamara Silva, encargada de darlle a benvida ao alumnado participante.

Suscríbete para seguir leyendo