O Día das Letras celébrase ao ritmo das muiñeiras

A provincia conmemorou a cultura galega con romarías tradicionais

Unha parella baila na romaría de Raigame, en Vilanova dos Infantes.

Unha parella baila na romaría de Raigame, en Vilanova dos Infantes. / ALAN PÉREZ

X.C.

A banda sonora do Día das Letras Galegas na provincia correu a cargo de gaitas, pandereitas e pandeiros. A poboación desafiou a chuvia e saiu á rúa para gozar da cultura e da tradición galegas e recordar á escritora Luísa Villalta, a homenaxeada este 2024. Como xa é habitual, as romarías concentraron os festexos ao longo do territorio ourensán.

A localidade de Vilanova dos Infantes, no concello de Celanova, acolleu a cita máis multitudinaria, Raigame, á que cada ano se achegan novos visitantes doutras provincias. A romaría etnográfica, que alcanzou a súa vixésimo primeira edición, está organizada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, o Concello de Celanova e a propia veciñanza de Vilanova. Nas distintas rúas da vila colocáronse máis dun centenar de postos artesanais que amosaron as súas creacións (coiro, comida ou mobles, entre outros moitos obxectos). Máis de 20 grupos tradicionais como a Banda de Vilanova, a Coral de Ruada ou Castro Floxo animaron aos numerosos asistentes a bailar e cantar, sen facer caso da chuvia, que por momentos tentaba roubarlle o protagonismo ás muiñeiras.

O presidente provincial, Luis Menor, aproveitou a súa visita á romaría para reivindicar a importancia de Raigame, non só na provincia senon no conxunto da comunidade autónoma. “Debemos facer entre todos que esta celebración sexa o eixo central de todas as que se fagan polo Día das Letras en Galicia”, declarou. Nese sentido, recordou o apoio da Deputación, “que mimamos esta cita como merece, sendo un fiel reflexo da idiosincrasia galega, un xeito diferente para nos sentir orgullosos da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa tradición”. Menor tamén agradeceu o traballo e o esforzo dos organizadores “polo seu empeño en seguir subindo o nivel de Raigame ano tras ano, algo que non é fácil”.

Neste 2024, a cita estivo adicada á repostería artesá, cun especial recordo para as isoliñas, uns bolos doces moi coñecidos en Celanova que durante máis de 50 anos elaboraron dúas irmás da localidade, Virxinia e María. Onte, a organización de Raigame entregoulle o premio “Adolfo Enríquez” a Concepción Fernández, irmá das dúas reposteiras xa falecidas.

Foliada en Barbadás

Barbadás acolleu onte outra das romarías tradicionais celebradas en la provincia. A Foliada Letras Galegas, organizada polo Concello, reuniu na súa terceira edición preto de 300 persoas na carballeira do Parque dos Carrís. Os festexos comezaron a mediodía cun xantar popular amenizado por diversos grupos de música galega.

A Banda Cultural de Barbadás, integrada polo alumnado da Escola Municipal de Música, a charanga Bicoia, o grupo Lambisqueiras ou Zoadeira se encargaron de poñer a banda sonora da tarde. A carpa colocada na carballeira impediu que a chuvia puxese freno á celebración, que ademais de música incluíu postos de artesanía e xogos e obradoiros adicados aos máis pequenos.

O PSOE lamenta a falta de actividades na cidade

O grupo municipal socialista da cidade lamenta a falta dunha programación específica para festexar o Día das Letras Galegas. “As únicas actividades que se levaron a cabo foron a homenaxe que o alumnado realizou na Praza Maior este xoves, e cuxa preparación correu a cargo dos estudantes e dos mestres, e o Correlingua, que non organiza o Concello”, explica a edil socialista Cristina Cruz. O PSOE xa lle preguntara ao equipo de goberno en abril se tiña previsto organizar algún tipo de conmemoración de Luísa Villalta. “A resposta do rexedor foi que non se ía facer porque coincide coas festas do Couto”, sinala Cruz, que recorda a importancia de fomentar o uso e coñecemento do galego dende as administracións públicas.

Suscríbete para seguir leyendo