Control de galiñeiros

María José Vilasuso

Por se non había burocracia dabondo, agora métense tamén cos inocentes galiñeiros. Porque a ver ¿qué necesidade hai de máis papeleo? É un xeito de complicar a vida da xente do campo, ou das vilas nas que pequenas hortas de autoconsumo completan a economía doméstica. Mesmo semella que dende as oficinas, onde parece que lles sobra tempo e que se aburren, buscan ocurrencias sen tregua, engadindo máis traballo a quen traballa. Porque moitos dos que adican o seu tempo a outras ocupacións, xa teñen en conta tódalas leis para sair gañando sempre. Que conste que ninguén pode dar aos galegos, donos dun galiñeiro, leccións de ecoloxía. Vaia por diante que 6 ou 7 galiñas non forman unha “explotación avícola”, por moito que o repitan, mentras sexa produto destinado unicamente ao consumo familiar.

¿Por qué se pretende complicar os aspectos máis sinxelos da vida, sen xustificación algunha? ¿A qué se debe e a quen beneficia este control? Quizais están pensando en incluir un novo imposto. Hai unha obsesión claramente recaudatoria. Así de simple. Só é cuestión de tempo.