Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O petroglifo excedente

( A Francisco Sampedro)

No ano 1935 saía á luz unha obra que revolucionaría a idea que se tiña da prehistoria nosa: “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae”, da que era autor Ramón Sobrino Buhigas. Nela analizáronse, por primeira vez coma conxunto peculiar, os petroglifos galegos (agora téndese a acentuar “petróglifos”). Falamos de gravados prehistóricos practicados na superficie de penedos frecuentes en determinadas zonas da Gallaecia. Sobrino e os seus continuadores clasificaron, dataron e explicaron o significado destas obras de arte orixinaria. Logo, descobríronse petroglifos descoñecidos e estacións enteiras de obras deste xénero. Mesmo, a curiosidade que desata o misterio dos petroglifos galegos deu lugar a algún exceso imaxinativo na interpretación de tales formas.

"Os petroglifos exercen atracción e inquedan os contemporáneos que ollamos para eles e os interpelamos"

decoration

Hoxe sábese moito dos nosos petroglifos pero continúan a ser símbolos cuxa función cultural é dubidosa ou descoñecida. Certo que, por exemplo, iso que miramos na pedra é o deseño dun belo cervo, mais seguimos sen estarmos certos do que significaba o animal no intre de ser gravada a súa imaxe. Os petroglifos exercen atracción e inquedan os contemporáneos que ollamos para eles e os interpelamos.

Despois de Sobrino, os cervos saíron da torre, as espirais vibraron no infinito, as coviñas perforaron o mundo, as ferraduras concordaron co sol no horizonte e os cabalos do monte continúan a saír do petroglifo cada ano para seren concentrados no curro. Sempre houbo entre nós espíritos artísticos tendentes á divagación máxica que quixeron resucitar os petroglifos, fascinados e obsesionados que eles estaban polas formas insculpidas na pedra. Foi famoso no século pasado un veciño de Marín coñecido como Pepiño Meixón. El entregouse en corpo e alma á produción de neopetroglifos. Son memorabeis, e poden ser admiradas, obras súas nos penedos da praia de Mogor, onde el, se cadra, foi abducido polo universo dos petroglifos antigos. En muros públicos, tal o cemiterio de Marín ou a ponte do Busto, poden hoxe ser admirados máis neopetroglifos de Pepiño Meixón.

"Os concellos de Marín e de Nigrán deberían ocuparse das figuras de Meixón e O Duque con proxectos vivos de conservación e de didáctica popular"

decoration

Soa moito estes días Domingos Loduque ou O Duque, que deixou bon número de insculturas rupestres que emulan os verdadeiros petroglifos en laxes e penedos de Monteferro e outros do Concello de Nigrán. Foi Pedro Díaz, arqueólogo de fino olfacto, quen descubriu a existencia de Domingos e da súa obra. Na actualidade, o prehistoriador Gustavo Pascual descubreu obra de este artista datada no ano 1801, e afondou no seu estudo. Entendemos que os concellos de Marín e de Nigrán deberían ocuparse das figuras de Meixón e O Duque con proxectos vivos de conservación e de didáctica popular. Atención á arte e aos artistas da Diferenza, advertíranos un día Jean Dubuffet.

Compartir el artículo

stats