Míriam Ferradáns gaña o Premio Manuel Lueiro Rey de xornalismo cunha denuncia sobre a pobreza infantil

A autora bueuesa combina en "Un maínzo de sal" a historia dun neno coas alarmantes cifras de pobreza alimentaria

Míriam Ferradáns.

Míriam Ferradáns. / GONZALO NUNEZ

A autora bueuesa Míriam Ferradáns vén de gañar o VI Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey, que convoca o Concello de Fornelos de Montes, cun texto titulado “Un maínzo de sal” no que aborda a problemática da pobreza infantil. O xurado desta edición do certame destaca que o texto, protagonizado por un neno chamado Raúl, “achéganos a un tema moi duro desde a primeira persoa, desde un dos seus protagonistas” e vén a ser todo un toque de atención porque a pesar de que habitualmente a pobreza infantil asóciase a outros territorios o certo é que “está a nosa beira”.

A convocatoria deste premio está reservada para textos inéditos e o xurado desta sexta edición estaba composto por Ramón Rozas, Carme Vidal e Ramón Nicolás. A acta pon en valor a temática abordada por Ferradáns, que desde a reivindicación social, fala da exclusión na infancia a causa da pobreza. Ese neno que non ten cubertas as súas necesidades básicas “sinte a necesidade de ocultar a súa condición de neno pobre para que non sexa unha causa que o afaste dos seus compañeiros e compañeiras”, afirma o xurado. A autora combina esa historia persoal de Raúl cos datos que falan da alarmante cifra de poboación infantil que sufre pobreza alimentaria. Uns datos que, segundo Save the Children, apuntan que en España hai 2,6 millóns de menores de idade en risco de pobreza e exclusión social. Isto supoón o 31,8% da poboación menor de 18 anos. Ou dito de outro modo, un de cada tres nenos.

O veredicto do xurado tamén fai fincapé na calidade da lingua e o uso de metáforas que sirven para enriquecer o artigo de Míriam Ferradáns. Os integrantes do tribunal suliñan que esta sexta edición do premio Manuel Lueiro Rey “contou cunha altísima calidade e unha ampla variedade de temas de carácter social”.

A autora bueuesa conta cun bo número de premios a nivel literario grazas a súa obra poética, uns recoñecementos aos que en 2021 sumouse o Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego por “Dalias” e agora este VI Premio Manuel Lueiro Rey por “Un maínzo de sal”.