tRIBUNA LIBRE

A mirada das árbores

A mirada das árbores

A mirada das árbores / Agustín Bastón*

Agustín Bastón*

Afondar na vida camiñando entre árbores. Sentir que formamos parte dun universo que non ten por que ser percibido na nosa memoria como un paraíso perdido, senón como un reencontro coa identidade da que procedemos. Abrazar o bosque é espertar unha música que levamos dentro e que flúe coma o murmurio da auga nun manancial. E deberiamos achegarnos a ese manancial Sen vestimenta. Permanecer espidos para renacer como renace a árbore a través das súas sementes unha e outra vez. Quizais a partir dese espido poidamos entender o que nos entende, o bosque. Conectar coas árbores e as súas raíces é estar conectado ás redes da vida.

Partindo destas premisas xurdiu en min a idea de crear a Biblioteca das Madeiras do Mundo en 2013.Primeiro empregar a natureza da árbore como forma de expresión e a partir de aí deseñar e desenvolver accións nas que nos sintamos integrados como parte da natureza aínda viva a través da madeira que nos fala. Neste caso, fálanos, convertida nun libro. E achéganos á mirada da árbore, á sabedoría que esconde dentro, a un universo que nos conecta coa historia da vida, pois unha árbore é un mapa da memoria. Xorde entón a necesidade dunha simbiose creativa que dea lugar a unha animada conversa na que cada autor convidado a intervir nun libro deixa a súa voz en diálogo coa madeira que lle fala e á que hai que escoitar. En cada libro, o autor, sobre as pegadas da memoria da árbore, deixará ou transmitirá as da súa propia memoria. Prodúcese un encontro íntimo esencial onde a conciencia individual establece unha relación harmónica coa “alma” da madeira.

Os firmes piares de futuro nos que se sustentará e seguirá inspirando a Biblioteca das Madeiras do Mundo será sempre o bosque con toda a súa diversidade arbórea e o respecto polo medio ambiente.

Literatura e creación partindo do bosque, que hoxe conta con 215 historias de amor, arte e liberdade.

*Creador da Biblioteca das Madeiras do Mundo

Suscríbete para seguir leyendo