A Mostra pon en valor o cartaz no 40º aniversario

A cita teatral de Cangas presenta dobre póster da edición e prepara unha mostra cos anteriores

Os artistas Manuel Pizcueta e Diego Seixo, con representantes da Mostra e do Concello. Abaixo, os dous cartaces.   | // SANTOS ÁLVAREZ

Os artistas Manuel Pizcueta e Diego Seixo, con representantes da Mostra e do Concello. Abaixo, os dous cartaces. | // SANTOS ÁLVAREZ / Gonzalo Martínez

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCFC) de Cangas chega á 40ª edición cun programa que se desenvolverá desde o 25 de xuño ao 8 de xullo no Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela e que está a ultimar a organización, que xa adiantou onte o cartaz que lle sirve de imaxe, realizado por Diego Seixo. Ademais, o logotipo do certame, elaborado polo artista Manuel Pizcueta –“a Quimera” ou “o Becho”, que non un “peixe demo”, debátese–, cumpre 20 anos, e para celebralo edítase en formato de “selo xigante”. Os dous formarán parte tamén dunha ampla exposición que coincidirá coas datas da Mostra xunto cos traballos que serviron de imaxe a cada unhas das 40 edicións, feitos por outros tantos artistas galegos, que o equipo organizador quere poñer en valor.

“Hai un antes e un despois” da participación destes creadores, reconoce María Armesto, directora artística da Mostra, que agradece tanto talento, calidade e traballo xeneroso “que se fai, pero non se cobra”. Hai poucos exemplos en Galicia, por non dicir ningún, de colaboración tan estreita cos creadores do país. O “Becho” de Pizcueta xa é unha imaxe coñecida e recoñecida, que aparece en toda a cartelería e documentación deste certame desde hai dúas décadas. A mostra que se está a preparar inclúe tamén bosquexos e documentación que axuda a enmarcar e comprender o proceso de creación dos cartaces.

Os cartaces de Manuel Pizcueta e Diego Seixo

Os cartaces de Manuel Pizcueta e Diego Seixo / SANTOS ALVAREZ

Manuel Pizcueta é un artista recoñecido tamén como ilustrador de libros para nenos e adultos, ou traballos realizados “a catro mans” con poeta Pepe Cáccamo. O seu logo para a Mostra toma estética de selo para representar o paso do tempo. Diego Seixo leva moitos anos traballando e colaborando coa MITCFC, e en 2016 deseñou o cartaz co personaxe inspirado en Humpty Dumpty, de “Alicia no país das marabillas”. No que conmemora a 40ª edición aparece facendo equilibrio no filamento dunha lámpada, como o que viven artistas, actores e actrices.

Poucos eventos culturais en Galicia chegan aos 40 anos, destaca Seixo, que pon en valor o traballo e entrega da xente. Salvador del Río incide na aportación artística dos colaboradores galego e a súa visión sobre o teatro e a Mostra, que avogan por ampliar e poñer en valor.

Suscríbete para seguir leyendo