Un xornal para dicir que Fornelos existe

Oito estudantes fomos quen de facer un xornal de verdade de 32 páxinas

óscar martínez

Quen nolo ía dicir a nós: unha aula de unicamente oito estudantes e fomos quen de facer un xornal “de verdade” de 32 páxinas. Xa só por iso o noso foi un éxito absoluto. Estamos que non o cremos! Neste curso escolar, no CEIP Doutor Suárez participamos por primeira vez no proxecto “Faro da Escola”. A nosa valoración: sobresaliente.

E non foi só porque traballamos múltiples contidos dos temarios de 6º: a redacción, ortografía, o resumo, o tema, a entrevista, a noticia, a reportaxe, o anuncio... senón porque aprendemos muito sobre diferentes temáticas arredor dun obxectivo principal que tiñamos: valorizar un concello, o noso, Fornelos de Montes, que boa falta lle fai revalorizarse e que ano a ano perde poboación. No colexio eramos 110 estudantes hai 15 anos. Hoxe en día non chegamos a 60.

Por certo, melloramos tamén a competencia dixital: o Scribus (o programa para maquetar os textos) pasou de ser o noso pesadelo ao noso mellor amigo: aprendemos arreo!

No noso xornal Fornelos quixo ser sinónimo de paisaxes espectaculares, rutas de sendeirismo, natureza, auga, espazos naturais, tradicións, festas, gastronomía, paz e moita tranquilidade. E sobre eses temas quixemos traballar. Decidímolos nós, e iso foi o máis importante: fixemos o noso propio xornal, o que quixemos.

Encantáronnos as actividades complementarias relacionadas co proxecto: a visita do escritor Alonso Diz, a de Bruno contándonos como se fai un xornal, a videoconferencia do CSIC aprendendo sobre astronomía...

Mais non todo foi un camiño de rosas: tivemos moitos momentos que pensamos en desistir: ao ser tan pouquiños, ás veces o traballo de procurar información e redactar texto nos custou máis do que pensabamos.

Pero que ledicia ver o noso produto final. Pola nosa clase pasaron os tres candidatos ás eleccións municipais, un campión e deportista local, ou a dona da única casa rural de Fornelos. Puxémoslle cara e voz aos protagonistas locais.

E que dicir da idea brillante que tivemos: vendimos publicidade dos negocios locais e subvencionamos de este xeito case a metade da nosa excursión fin de curso a un cámping d’ O Grove. Que outro colexio pode dicir que o 70% dos comercios do seu concello saen no seu periódico?

Intentamos ver o mundo con curiosidade e con ollos de xornalista, sempre preguntándonos o por que das cousas e buscando noticias aquí e acolá.

E para Bruno e Sonia, outro merecidísimo sobresaliente: por acompañarnos e estar sempre solucionándonos as dúbidas que nos ían xurdindo e por animarnos constantemente.

Ademais, e para rematar, dicir que todas as aulas de primaria colaboraron facendo algún texto, e por iso é un xornal de todas e todos, sen excepción. E por iso repartimos con muita felicidade as copias para dicirlle á bisbarra enteira: Fornelos de Montes existe!