Dime como falas no patio, e direiche como che falan na casa

Según o IGE, o 40% da poboación de entre 16 e 29 anos mantén que estudou maioritariamente en castelán, unha tendencia que se traslada ao ámbito social

O binomio fogar e centro educativo é fundamental para a conservación e transmisión do idioma, un dúo ao que se lle suma o conxunto da sociedade, que debe mirar cara a situación do galego máis aló das datas sinaladas.

O binomio fogar e centro educativo é fundamental para a conservación e transmisión do idioma, un dúo ao que se lle suma o conxunto da sociedade, que debe mirar cara a situación do galego máis aló das datas sinaladas.

A. Chao

A. Chao

Os minutos previos a que toque o timbre na primeira hora da mañá ou o tempo de recreo converten os patios dos colexios nun potente axente socializador. Neles acumúlanse moitas leccións, se cadra non de materias como tal, pero si sobre como relacionarse con iguais, como desenvolver aptitudes ou resolver conflitos. “No vale, contaste muy rápido, ¡hay que repetir!”. Porén, basta con achegarse a calquera destes recintos para comprobar que o que non abonda é o uso do galego

As diferencias entre o réxime do centro-público, privado ou concertado- e o ámbito rural ou urbano son cada vez menores. E non xogan a favor do galego.

Segundo os últimos datos publicados polo Instituo Galego de Estatística mentres máis dun 44% dos menores de entre 5 e 14 anos falan sempre en castelán, tan só un 14% o fai sempre en galego e un 12% maioritariamente en galego

É máis, segundo o IGE preto dun 10% dos galegos aos que os seus pais lle falaron na lingua propia dende o nacemento mudou total ou en gran parte ao castelán, un camiño que á inversa escasamente realiza un 4% de neofalantes. 

Esta situación vén xerminando de lonxe. As enquisas do INE a menores de 20 anos apuntan que case 213.000 persoas tiveron en Galicia como lingua inicial o castelán, fronte os 64.000 do galego ou os 73.000 en ambas. Isto é,sumando aqueles que se declaran galegofalantes ou bilingües dende o nacemento, superan escasamente a metade dos que sinalan como lingua inicial o castelán. 

O peso do estatus

Un 10% dos galegofalantes nativos mudan total ou en gran parte o castelán mentres que tan só se gaña un 4% de neofalantes

Os datos poden resultar fríos, pero son constatable relacionándose coa cativada. Un patio do rural galego, a maioría dos xogos desenvolvense en castelán. Una nena achégase e inicia a conversa cun adulto e un pequeno que acaba de coñecer. Faino en castelán. Outra séguea. Cómo reaccionan cando se lles fala en galego? Mudando de lingua, cunha fonética que denota un coñecemento e uso do galego. 

Non existen verdades absolutas sobre a motivación dun alumnado tan novo para escoller idioma segundo o contexto. Pero se se aplica iso de “mírante constantemente, es o seu mellor exemplo”, analizar o uso vencellado ao estatus que os adultos fan da lingua pode botar algo de luz. Pondo o foco sobre o grupo de idade no que se manten máis o galego, dos falantes maiores de 65 anos, o 52% comunicase sempre en galego coas súas amizades. Pero que pasa cando toca ir ao médico ou ao banco? Case na metade dos casos pasan ao castelán. 

Nas aulas

O decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia do ano 2010 recolle que nos centros sostidos con fondos públicos utilizarase con carácter xeral a lingua galega. Con respecto ao reparto de horas lectivas, en Primaria determinase que se impartirán en galego Coñecemento do medio natural, social e cultural, e en castelán a materia de Matemáticas. Para a ESO fíxase en galego o ensino de Ciencias sociais, xeografía e historia, Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía mentres que se impartirán en castelán Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química.

Porén, as enquisas amosan outra realidade. O 40% da poboación de entre 16 e 29 anos mantén que estudou maioritariamente en castelán. Un 25% deste mesmo rango de idade falaba cos seus compañeiros só en español e un 32% facíao tamén maioritariamente nese idioma.

Responsabilidade compartida

O binomio fogar e centro educativo é fundamental para a conservación e transmisión do idioma, un dúo ao que se lle suma o conxunto da sociedade, que debe mirar cara a situación do galego máis aló das datas sinaladas. 

A implicación transversal remata por dar froitos. No 2022, FARO contaba a historia de Aitana, unha pequena de sete anos que, malia vivir nun seo familiar completamente galegofalante, coincidindo co cambio ao ‘cole de maiores’ deixara de empregar o seu idioma materno en favor do castelán. Pouco máis dun ano despois, a realidade desta nena mudou e a presenza do galego na súa fala volveu multiplicarse. Manter un entorno que seguía utilizando a lingua con ela de xeito natural ou consumir máis cultura en galego foron algúns dos ingredientes que volveron reequilibrar a balanza, tal e como explica a súa familia. Isto só demostra que sempre se está a tempo.