CIENCIA PARA O DÍA A DÍA

“A lingua secreta das patacas” ou por que
a ciencia é divertida

"Foi no instituto cando decidín que Bioloxía era a ciencia perfecta para dar resposta a todas as miñas preguntas, dende entender como funcionan os nosos corpos ata achegarme aos seres que sustentan a vida na terra" 

A Clase de 5º de EP do CEIP de Laredo.

A Clase de 5º de EP do CEIP de Laredo. / Faro

Lucía Martín Cacheda*

Divulgación

Esta sección de Ciencia para o día a día elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia

Lucía Martín Cacheda, estudante Predoutoral Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC).

Lucía Martín Cacheda, estudante Predoutoral Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC). / Cedida

  • “Cando eu ía a escola...”

Cando era cativa encantábame a natureza, quería descubrir como funcionaban as cousas, preguntábame moito por que as cousas son como son. Lía moitos libros de fantasía e aventuras, pero xa me parecía unha aventura entender o mundo no que vivía. Recordo pedir como agasallo de Reis un microscopio. Cando abrín o paquete e o vin, xa me sentín un pouco mais preto do meu obxectivo… investigar de que están feitas as cousas, achegarme a todo iso que a simple vista non coñecía, ¡que ilusión!

  • “O meu camiño na ciencia”

Xa na escola pintaba maneiras de investigadora, presenteime cunhas amigas a un concurso no que tiñamos que idear algún invento innovador, a verdade non recordo que presentamos pero sei que gañamos un dos premios (debía ser boa a idea). No instituto foi cando decidín que quería estudar Bioloxía, era a ciencia perfecta para dar resposta a todas esas preguntas que me facía, dende entender como funcionan os nosos corpos ata saber que seres se agochan no fondo do mar. E así foi: estudei Bioloxía na Universidade de Santiago e agora traballo na Misión Biolóxica de Galicia, investigando a comunicación entre plantas en resposta a diferentes perigos e estímulos. Concretamente, o tema da comunicación sorprendeume moito, porque aínda que escoitara xa sobre a súa existencia non sabía moi ben en que casos as plantas poden compartir información coas súas veciñas ou con outros seres vivos coma os insectos.

  • O meu agasallo: unha experiencia

Aínda que a maior parte do meu traballo está relacionado coa investigación, hai outra parte que desfruto moito que é a divulgación. Achegar á xente que non está en contacto coa ciencia todas as cousas sorprendentes que descubrimos nos nosos experimentos tamén é unha labor moi importante. Por iso, déixovos un vídeo para que poidades ver a miña última actividade de divulgación: O vídeo titulado “A lingua secreta das patacas”, no que explico os experimentos que levo a cabo no meu traballo e a súa finalidade. Para que vexades que facendo ciencia tamén nos divertimos.

Facendo ciencia tamén nos divertimos! Non te perdas o vídeo

As aulas preguntan. O CSIC responde

¡Moitas grazas a Lucía e máis o CSIC por este vídeo tan simpático no que puidemos ir alén dos estereotipos e darnos
conta de que hai moitos tipos de investigadores! Foi toda unha experiencia achegarnos ao voso día a día en contacto directo coas plantas

Clase de 5º de EP do CEIP de Laredo

Hai xa inventada algunha “vacina” que realmente funcione coas plantas igual que cos humanos?

Existen casos de varias plantas das que cultivamos para comer ás que se lles aplicou esta “vacina” e mostraron unha maior resistencia a pragas de insectos, coma nos pasa a nos cos virus tras vacinarnos, que resistimos mellor cando o virus nos ataca e enfermamos menos. Por exemplo, nunha investigación en Valencia toparon fai pouco que plantas de tomate expostas a un composto volátil presentaban maior resistencia á avelaíña do tomate.

Canto tempo vos vai levar esta investigación?

Por agora levamos máis de tres anos, pero o último experimento deste proxecto témolo proxectado para abril, que será o de probar a “vacina” nas plantas de pataca.

Por que escolliches os estudos de Bioloxía?

Porque xa de pequena tiña moita curiosidade e quería entender como se relacionan os seres vivos, como se alimentan, como funcionan as células que forman o noso corpo…

Por que che resulta interesante o mundo das plantas?

Porque as plantas son os seres que sustentan a vida na terra, e aínda que son seres inmóbiles teñen a capacidade de relacionarse entre si e con outros seres vivos sen que nos o poidamos apreciar a simple vista.

Como conseguides os cartos para levar a cabo as investigacións?

Os cartos conseguímolos presentando proxectos que resulten interesantes e innovadores para conseguir axudas, por exemplo de Europa, do Goberno de España, da Xunta de Galicia e mesmo doutros organismos privados.

Como se defenden as plantas dos vermes, fungos... e todo aquelo que lle poda facer dano?

As plantas presentan diferentes barreiras para defenderse dos seus inimigos. Por unha banda, temos as barreiras físicas, que son as primeiras que se atopan os atacantes, coma as espiñas ou os pelos das ortigas, que seguro coñecedes ben. Por outro lado, están as barreiras químicas coma compostos tóxicas que repelen aos atacantes cando comen a planta, ou os volátiles cos que traballo nesta investigación.

De que químicos están feitas as “vacinas” das plantas e como se lles botan?

Están feitas dos compostos orgánicos volátiles que as plantas empregan para comunicarse: eses cheiros que producen cando sofren un dano, coma o cheiro a herba cortada. Pero non todos serven para a vacina, só empregamos aqueles dos que temos comprobado con anterioridade que xeran un incremento da resistencia ao dano nas plantas receptoras. Deste xeito, expomos as plantas a unha especie de ambientadores que liberan os volátiles máis eficaces na súa misión e que, deste xeito, funcionan como a “vacina”.

Está implantado o voso proxecto nalgunha empresa de froitas e verduras?

Non, por agora só fixemos probas en invernadoiro. Estaría ben, en caso de que no próximo experimento a “vacina” funcione, probar o sistema no campo, para que máis adiante poida ser empregado pola xente que traballa na agricultura e produce as froitas e verduras, coma unha estratexia de control de pragas que non dane o medio ambiente.