Diversos estudos apuntan ao centro escolar como un dos lugares nos que se produce o proceso coñecido como desgaleguización; é dicir, aquel polo que os nenos e nenas que teñen o galego coma lingua familiar na infancia, a van abandonando a medida que avanza o seu paso polo sistema educativo. 

— “Pero se a metade das materias se estudan estúdanse galego!”, poderían esgrimir algúns, pero o certo é que a escola vai moito, moitísimo, máis alá do plano académico e, no que ao ámbito informal respecta, a socialización nos centros educativos parece seguir a penalizar a nosa lingua materna. 

O galego é a primeira lingua do 80% dos maiores de 75 anos, pero só do 24% das crianzas no tramo de 5 a 9 anos

O tema é: por que? “A resposta non é fácil e podemos correr o risco de simplificar a realidade”, adianta Gabino Vázquez-Grandío (1991), técnico do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e co-autor de diversos estudos sobre o tema, que completa: “Ao que apuntan os datos é a que estes nenos e nenas experimentan unha serie de presións que os empurran a adoptar o castelán”. 

Un ambiente maioritariamente castelanfalante nos espazos de relacións entre iguais coma o recreo ou as actividades extraescolares ou os prexuízos con respecto ao galego que aínda existen poden ser algunhas desas “presións” ás que fai alusión o experto, e que cristalizan en datos “preocupantes” coma os que se reflicten no mapa sociolingüístico escolar de Ames, elaborado pola RAG para coñecer esta realidade. 

En Galicia, aquí e agora, hai familias que están levando aos seus nenos a coles de zonas rurais pese a vivir na cidade para que non abandonen a súa lingua materna

“O que vimos foi que dous de cada tres rapaces que teñen o galego como primeira lingua na infancia, saen da Secundaria sendo castelanfalantes. Nesta etapa educativa, só o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán”, comparte o antropólogo sobre un proceso que, lonxe de ter que ver só coa adolescencia, empeza a idades moito máis temperás — “parece que se precipita na Primaria e que se consolida na Secundaria”—; e no que inflúe tamén o lugar de residencia: mentres que as zonas rurais amosan un perfil de alumnado bilingüe equilibrado, nas zonas urbanas e periurbanas domina o castelán. 

De feito, en Galicia, aquí e agora, hai familias que están creando grupos de WhatsApp para que os seus nenos poidan quedar con outros que sexan tamén galegofalantes ou que deciden levalos a coles de zonas rurais pese a vivir na cidade para que non abandonen a súa lingua materna. Un proceso “relativamente rápido” que, xunto á perda da transmisión interxeracional, pon en risco a continuidade do galego, e polo tanto, a nosa “diversidade e identidade”. 

Que podemos facer?

Entón, e velaquí a gran pregunta, que podemos facer?: “Cando chegas a un lugar novo e cambian as túas redes de socialización, o último que queres é parecer diferente. Polo tanto, o primeiro que poderíamos facer é tratar de crear espazos cómodos para o alumnado galegofalante na escola, para o que cómpre convidar ao mesmo tempo ao alumnado castelanfalante a adoptar tamén a súa lingua”, explica Gabino S. dende a RAG, onde, de feito, están a traballar nun proxecto de intervención en colaboración cos centros educativos do concello de Ames para explorar a efectividade ou non de distintas posibilidades de dinamización lingüística.