Historia

Guerras de lonxe, guerras de noso

Galegos e cataláns contra ingleses en América

Batallón do Terzo de Galegos en pleno combate.

Batallón do Terzo de Galegos en pleno combate. / Arquivo

A Idade Moderna europea foi un continuo de guerras entre os diferentes países que tivo dúas pausas (fracasadas): a chamada paz de Westfalia (1648) e mais o Tratado de Utrecht (1713). Diversas terras pasaron dunha parte para a outra, segundo quen exercía a hexemonía daquela xeira, como xa acontecera despois da Guerra dels Segadors, cando a parte norte de Cataluña entrou definitivamente no dominio francés en 1659. Aqueles cataláns, agora súbditos do rei francés, foron chamados ao servizo de armas para formaren o Rexemento Catalan-Mazarin (1657), chamado despois Royal Catalan (1661) e, desde 1667 ata 1791, Royal Roussillon.

Pero as rivalidades entre as potencias europeas tamén se dirimían en América, ás veces con complicidades das nacións nativas segundo fosen os seus intereses. E o primeiro conflito que se produciu entre Francia e Inglaterra tivo como marco o Canadá. A primeira dominaba o territorio chamado Nova Francia, que ía desde a península do Labrador e os Grandes Lagos ata Luisiana, ao oeste da costa atlántica, dominada polos ingleses. A rivalidade colonial entre estes e Francia veuse agravada cando estalou a Guerra dos Sete Anos (1756-1763), a primeira “guerra mundial”, porque foi librada en Europa, América e mais a India.

E tal desputa esixiu a mobilización dos exércitos, entre os cales estaban os cataláns do Royal Roussillon. En 1756 un rexemento marchou a América do Norte contra os ingleses. Obtivo diversas vitorias, entre elas a de Fort Heny (1757), pero capitulou na defensa de Montréal.

Defensa das posesións españolas

Pola súa banda, España tamén precisaba defender as súas posesións. Cando Carlos III foi informado de que Rusia (que dominaba Alaska) podería chegar ata California, deu orde de facerlles fronte. Malia que tal circunstancia non tivo lugar, en 1767 formouse unha Compañía Franca de Voluntarios Cataláns. Eran homes chegados a Cuba desde as zonas interiores de Cataluña e de Mallorca, convocados polo capitán Gaspar de Portolà. Formado o grupo, partiron de San Diego para exploraren o territorio do que despois serían Los Ángeles e San Francisco, chegando ata a illa de Nutka, xa en territorio do actual Canadá. Esta circunstancia non foi de agrado dos británicos, aínda non presentes naquelas terras, que forzaron porén un acordo (as Convencións de Nutka) que lles concedía o dominio desde Oregón deica Alaska.

Guerras  de lonxe,
 guerras de noso

O vicerrei Santiago de Liniers (1753-1810). / Arquivo

A independencia das 13 colonias na costa atlántica occidental en 1776 desequilibrou o dominio inglés en América. No marco da guerra anglo-española de 1804-1809, a vitoria inglesa de Trafalgar animou a Londres a gañar terras na América do Sur e así en 1806 preparou unha expedición para dominar o Río da Prata, empresa que tivo unha segunda ofensiva o ano seguinte.

O principal militar ao servizo de España na zona, Santiago de Liniers, fixo un chamamento para a formación de diversos batallóns de voluntarios entre os residentes en Buenos Aires, entre eles un de galegos, chamado Terzo de Galegos ou Batallón de Voluntarios Urbanos de Galicia. Con outras unidades semellantes (de cataláns e de cantábricos) conseguiron derrotar os ingleses, que ocuparan a capital arxentina durante corenta e seis días, e pasaron a defender Montevideo.

O Terzo de Galegos

O Terzo de Galegos constituíuse a partir da Congregación do Apóstolo Santiago o Maior, de Fillos e Oriúndos do Reino de Galicia. Estaba formado por unha compañía de granadeiros, oito de fusileiros, unha de tambores, máis un cirurxián e un capelán. Os seus case seiscentos membros tiñan como primeiro comandante a Pedro Antonio Cerviño, enxeñeiro militar e científico. Nacido en Campo Lameiro en 1757, despois de ingresar no exército participou en exploracións científicas e era director da Escola de Náutica. Tiña como segundos José Fernández de Castro e Jacobo Adrián Varela, oficiais destacados da Congregación . Quedou ordenado que o batallón levase dúas bandeiras. Unha, cos armas de Castela e León nun lado, e a cruz vermella de Santiago no outro; a segunda, coas armas do Reino de Galicia e no reverso as da cidade de Buenos Aires. Rematado o conflito, os batallóns voluntarios pretenderon depoñer o vicerrei Liniers na chamada asonada de Alzaga en xaneiro de 1809. O Terzo de Galegos foi disolvido e os seus xefes detidos. Porén, uns meses despois o novo vicerrei restituíulles as honras perdidas e amnistiounos. En 1911, Manuel de Castro López publicou na Arxentina a documentación xerada polo Terzo de Galegos (foi reeditada pola Xunta de Galicia en 1996).

Suscríbete para seguir leyendo