Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dous momentos da arquitectura viguesa

Jenaro de la Fuente e Xosé Bar Boo na Rúa do Príncipe

Diversas perspectivas  da mostra na Rúa do Príncipe (Vigo).  |  FOTOS: @ELIREGUEIRA

Diversas perspectivas da mostra na Rúa do Príncipe (Vigo). | FOTOS: @ELIREGUEIRA

Organizada polo Colexio de Arquitectos e co comisariado de Ricardo Sánchez Lampreabe e José Luis Varela Alén pódese contemplar na Rúa do Príncipe unha mostra divulgativa, por medio de paneis con información textual e fotográfica, dedicada a dúas figuras centrais da arquitectura viguesa e galega: Jenaro de la Fuente (1851-1922) e Xosé Bar Boo (1922-1994), arquitectos que responden a dous momentos históricos ben diferentes da cidade de Vigo.

Dous momentos  da arquitectura
viguesa

Dous momentos da arquitectura viguesa / Carlos L. Bernárdez

O traballo de Jenaro de la Fuente Domínguez, iniciado nas últimas décadas do século XIX, en boa medida marca a mudanza de fisionomía da urbe viguesa, naquela altura en plena expansión urbanística e mergullada nun intenso desenvolvemento demográfico, industrial e comercial. Neste ambiente fortemente dinámico, Jenaro de la Fuente foi construtor de innumerábeis edificios desde a década dos oitenta.

Cómpre situarmos o seu traballo no contexto xeral da arquitectura galega desa altura que recibe un importante pulo debido ao ambiente social e económico moito máis vital que na maior parte das primeiras décadas do XIX. En galicia, o desenvolvemento urbano de cidades como A Coruña, Ferrol ou Vigo é mostra deste momento, cunha intensificación construtiva, reflexo dunha nova burguesía en auxe e dunha sociedade que se diversifica e se fai cada vez máis complexa.

Dous momentos  da arquitectura
viguesa

Dous momentos da arquitectura viguesa / Carlos L. Bernárdez

Este aspecto é ben relevante, se temos presente que no período anterior, nos anos iniciais e centrais do século, a situación política, social e económica, marca un contexto pouco favorábel para o desenvovemento arquitectónico e artístico. A crise política durante o reinado de Fernando VII, a desaparición das antigas estruturas, debido á nova división provincial, e o empobrecemento eclesiástico coa Desamortización de Mendizábal, provocan un estancamento construtivo notábel. A transición do Antigo Réxime á nova sociedade burguesa non favorece en Galicia a actividade arquitectónica. Estamos nunha sociedade que non é exactamente a antiga, mais que tampouco é moderna, sen o pulo dun proceso de industrialización que puidese favorecer unha renovación da clientela artística. A fidalguía e o clero xa non posúen as rendas do pasado, mais a burguesía é pobre e pouco numerosa, polo que a arquitectura e a arte van ser espello do seu pequeno nivel económico e de formación. Isto implica unha crise da arquitectura e do conxunto da arte galega, da cal non se conseguirá saír até fin do século, xusto o momento en que se desenvolve a labor de Jenaro de la Fuente, sobre todo en Vigo.

Nesta nova situación, máis dinámica, no económico e no cultural, o eclecticismo historicista vai ser a nota preferente no ámbito construtivo, até ben entrado o século XX, e estas formas son ingredientes do que xeralmente chamamos modernismo. Jenaro de la Fuente exemplifica perfectamente este contexto. O seu estilo é fundamentalmente ecléctico, suntuoso e rico en elementos decorativos. Son bos exemplos do seu traballo obras como o Edificio Bonín (1909), construído na Avenida do Areal, unha das mellores contrucións súas conservada na cidade, ou boa parte dos edificios de vivendas e comerciais erguidos nas rúas Policarpo Sanz, Colón, Urzaiz ou na Porta do Sol.

Título: Jenaro de la Fuente e Xosé Bar Boo. Comisariado: Ricardo Sánchez Lampreabe e José Luis Varela Alén. Organiza: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Local: Espazo público da Rúa do Príncipe, Vigo.

Desde a modernidade

A un contexto histórico e construtivo totalmente diferente remite a obra de Xosé Bar Boo que se inicia na década dos cincuenta do pasado século. Lémbrese que, avanzados os cincuenta e sobre todo nos sesenta, co “desarrollismo” e a apertura internacional do réxime de Franco, imos asistir a un auténtico auxe económico e construtivo, en xeral incontrolado.

Nesta altura irrompen as propostas dun grupo de arquitectos renovadores que utilizan basicamente linguaxes racionalistas e organicistas, entre os que sobresaen Xosé Bar Boo que tivo un papel sobranceiro, sobre todo en Vigo, e que desenvolve unha obra con vontade de enlace cunha tradición popular riquísima no aspecto arquitectónico e ao mesmo tempo adherida aos sucesivos movementos que as vangardas críticas impulsaban nos demais países europeos. Xosé Bar Boo é autor dalgunhas das obras que tiveron máis influencia na reformulación da arquitectura moderna galega como é o caso da construída no número 35 da rúa Marqués de Valladares, coñecida como Edificio “Plastibar” (1957) ou o edificio Praza de Compostela (1963). Nel percíbense xa as referencias espaciais orgánicas, que son evidentes tamén noutros traballos como o Policlínico Cies de Vigo (1967), con claros ecos do Frank Lloyd Wright. Na etapa final a obra máis relevante é o edificio dos Novos Xulgados da Coruña (1986-1989), asentado sobre uns penedos graníticos que diálogan coa construción e cunha espectacular praza interior onde sobrancea e escaleira helicoidal que estrutura o espazo e reforza os volumes.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents