100 anos despois de Kafka

Nas teimas humanas do século XX

Na película O home tranquilo (John Ford, 1952), o polifacético Michaeleen Oge Flynn (Barry Fitzgerald) exclama en dúas ocasións “Homérico! Homérico!” Unha delas cando descobre o leito quebrado do novo matrimonio formado por Sean Thornton e Mary Kate Danaher, pensando que foi consecuencia da inauguración conxugal. Poucos foron os escritores capaces de xerar –sempre malia eles– un adxectivo formado a partir de cadanseu apelido. Como máis habituais –incluso ignorando quen era o autor que daba lugar ao cualificativo– temos dantesco e kafkiano.

E se para Michaeleen apelar o autor da Ilíada e da Odisea era considerar épica ou heroica unha circunstancia, e facelo verbo do autor da Comedia é referirmos a unha situación catastrófica ou terrorífica, empregar kafkiano excede a acepción que dan as academias como absurdo, angustioso, opresivo, grotesco. Porque limitar ese adxectivo aos contidos das obras de Franz Kafka, de cuxa morte agora conmemoramos cen anos, supón non entender a transcendencia da súa literatura como espello das teimas humanas chegadas co século XX.Porque Kafka, xa de seu e na súa pluralidade individual (bohemio, xudeu e escritor en alemán), situada á vez nesoutra pluralidade que era o Imperio Austro-Húngaro, soubo anunciar a fraxilidade da persoa fronte aos poderes públicos, sociais e económicos, de maneira semellante ao como o fixeron outros escritores coetáneos seus (velaí Robert Musil e O home sen atributos), que esteticamente callou no expresionismo, unha maneira fea de reconstruír a realidade.

A vida de Kafka estivo marcada por dos feitos: o autoritarismo do seu pai e a súa débil saúde a causa da tuberculose. Home de obsesións –circunstancia comprensible–, cun carácter observador e metódico, foi literatura en estado puro xa que apenas exerceu socialmente de escritor. Incluso ordenou que os seus manuscritos fosen queimados despois de morrer, cousa que o seu amigo Max Brod non fixo.

Porque, ao cabo, tendo como tiña un traballo certo como avogado dunha aseguradora e sen acadar a emancipación dos seus pais, a literatura era a vía de escape para as súas angustias persoais. Que, malia seren individuais, non deixan de devir un espello da loita cotiá dos occidentais do século XX, nin que fose por rachar as imposicións sociais.

Segundo diversos especialistas, detrás das obras e do comportamento de Franz Kafka podería haber unha problemática persoal –agravada polo rigorismo xudeu familiar- que podería ir desde unha personalidade esquizoide, pasando por un trastorno psíquico límite, ata unha sexualidade non resolta, con medo ao coito con mulleres (non con prostitutas) e certa tendencia ás escenas literarias homoeróticas. En calquera caso, non é cousa de xulgarmos moralmente o noso autor senón de percibirmos o reflexo que toda esa problemática tivo na súa literatura. Unha problemática que, grazas ás descricións feitas pola psiquiatría (Freud, Jung), apareceu visible na sociedade pero que asemade foi posible comezar a diagnosticar e tratar.

Manifestación esquizoide, entón, que atopamos no Gregor Samsa de A metamorfose (1915), texto que participa de dúas das constantes presentes na obra de Kafka: o desconcerto fronte ao incomprensible e o emprego de animais como protagonistas. A primeira circunstancia aparece tamén nas inconclusas O proceso (1925) e O castelo (1926), cuxos protagonistas se enfrontan a situacións imposibles de asumir ou de controlar. Aparentemente, poderían aparecer como distopías, situadas nunha dimensión estraña. Secasí, a aparición das ditaduras de partido uns anos despois (fascismo, nazismo, stalinismo) aportaron realidade ao que nun principio era delirio. A segunda, o protagonismo de animais, segue a tradición das fábulas para representar as miserias da condición humana; presente en moitos contos de Kafka, tal vez o máis coñecido sexa Informe para unha academia (1917), en que un simio é invitado por unha institución para que explique o seu pasado pero acaba por manifestar a súa adaptación á condición humana co obxectivo confeso de non molestar.

Suscríbete para seguir leyendo