As cidades de Antonio Palacios

150 anos do nacemento do grande arquitecto

Perspectiva do Círculo  de Belas Artes (Madrid).

Perspectiva do Círculo de Belas Artes (Madrid). / FdV

Judith R. Iglesias

Co século XX aínda en construción, Antonio Palacios Ramilo (1874-1945) xa esbozara un dos edificios con máis valor iconográfico da paisaxe urbana de Madrid: o Círculo de Belas Artes (1921-1926). Naquel momento, era un arquitecto consagrado que levaba tras de si o ronsel da súa Galicia natal, mentres debuxaba o futuro a man alzada. Baixo unha estética á vangarda dos primeiros anos vinte, este proxecto é recoñecido como unha das súas obras cume; un fragmento da cidade no que axuntaba a monumentalidade arquitectónica e ornamental coa función artística, cultural e, por aquel entón, lúdica da institución. Agora, 150 anos despois do seu nacemento, as cidades que medraron a carón de seu festexan o paso do arquitecto polas súas rúas.

Curiosamente, o estilo de Palacios chegou a ser ben criticado polos intelectuais contemporáneos, que viran nos seus edificios un refulxir case imperecedoiro da monumentalidade do século XIX. É dicir, mantíñase “alleo” ás correntes arquitectónicas do momento, moi influído polas ideas de Viollet Le Duc. Nos seus inicios, o carácter estilístico do arquitecto galego estivo adherido á corrente da Secesión vienesa para ir orientándose co tempo cara a un rexionalismo arquitectónico, con fortes influencias expresionistas e da escola de Chicago. Así e todo, non tardaría en consolidarse como un urbanista decisivo na configuración do Madrid moderno; cidade á que chegara en 1892 para estudar arquitectura.

As cidades de 
Antonio Palacios

Antonio Palacios (1874-1945). / FdV

Nacido na localidade pontevedresa do Porriño, as primeiras experiencias de Antonio Palacios estiveron vencelladas ao traballo do seu pai como axudante de obras públicas no ferrocarril portugués. Así, o arquitecto pasou a súa mocidade rodeado de plans, ferramentas de construción e materiais como o ferro e o granito; iso si, mentres deixaba voar a súa imaxinación sobre o papel, creando pontes, vagonetas e túneles cos que reflexaba o mundo que coñecía. Unha vez na capital de España, comezaría moi axiña unha carreira de corenta anos, a primeira metade da cal iría da man do seu inseparable compañeiro, Joaquín Otamendi (1874-1960).

En 1904, Palacios e Otamendi fixéronse co proxecto do Palacio das Comunicacións, hoxe coñecido como o Palacio de Cibeles (Madrid). O conxunto, deseñado para ser a sede da Sociedade de Correos e Telégrafos de España, é un dos exemplos máis importantes da arquitectura modernista española, cunha fachada de evocacións neopraterescas e barroco salmantino, erixido co obxectivo de construír “un edificio para o público”.

En definitiva, así era o traballo do arquitecto porriñés: “Creaba vivendas habituais que facilitasen a vida, espazos comerciais que favorecesen o contacto coa clientela e edificios institucionais nos que os visitantes se puideran orientar rapidamente”, sinalan desde a páxina web do centenario de Palacios. E, á súa vez, procuraba que, alén de integrar estas construcións na cidade, fixeran dela un lugar máis fermoso e, por suposto, cosmopolita. En poucas palabras, cidades mellores. Testemuña dunha época de grandes cambios foi tamén o creador dos deseños e a estética das primeiras liñas do suburbano, da organización dos seus accesos e do logotipo tan recoñecido do rombo do Metro.

Ao longo de catro décadas de actividade, a súa profusa versatilidade fíxose latente na monumentalidade, presenza urbana e modernidade de lugares como o Círculo de Belas Artes, polo que pasearon grandes personalidades como Valle-Inclán e un novísimo Picasso; ademais da elegancia e funcionalidade que amosaba nos edificios de vivendas, mentres que as súas arquitecturas industriais gozaban dunha singular sinxeleza. Cada unha das súas propostas, iso si, estaba organizada en pos da experiencia de quen fose utilizar o lugar. Ante isto, diría nunha entrevista de 1943: “Cada edificio require formas adecuadas e procedementos construtivos propios. Con todo, unha mirada non moi torpe descubrirá doadamente en edificios moi distintos a man do mesmo arquitecto; o que eu, graficamente, chamo as pegadas dactilares”.

Porén, ademais de deixar a súa pegada nas rúas máis emblemáticas de Madrid, Antonio Palacios proxectou grandes obras en terras galegas, cun legado que se estende especialmente polos municipios de Vigo, Nigrán, Baiona, o Balneario de Mondariz e O Porriño, onde naceu hai 150 anos, o 8 de xaneiro de 1874.

Obras en Galicia

No Porriño atópase unha construción un tanto peculiar. Parece coma se noutra vida pertencese a outro lugar e, de certo, así é. Falamos do templete orixinal do Metro de Madrid, construído en 1920 como acceso da primeira liña da nova rede metropolitana da cidade, a Rede de San Luís. Permaneceu alí, na praza madrileña, ata que en 1970 foi trasladado á cidade natal do arquitecto. Paradoxicamente, non moito tempo despois, faríase en Madrid unha réplica desta peza de granito, hoxe situada no Parque Campo da Feira. É unha das máis emblemáticas, mais non a única, que amosa a “pegada dactilar” de Antonio Palacios en Galicia.

A súa primeira obra galega foi, con todo, unha fonte: a do Cristo (1905), tamén no Porriño e coa colaboración do ceramista Daniel Zuloada. A partir de entón, o nomeado “fillo predilecto” na súa terra natal, faría algúns dos máis inesquecibles edificios vigueses, como o Teatro García Barbón (1926), hoxe Teatro Afundación, que causou grande asombro polo emprego de innovadores materiais, como o formigón.

Ademais, proxectou o Pavillón da Fonte (Balneario de Mondariz), a escultura da Virxe da Rocha (Baiona), a Casa Consistorial que lle encargou o Concello do Porriño en 1919, o Templo Votivo do Mar (Nigrán), o Edificio Banca Viñas-Aranda (Vigo) e a igrexa da Vera Cruz (O Carballiño), creando así unha ruta do seu legado.

Suscríbete para seguir leyendo