Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura.

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura. / FdV

VV.AA.

Os Eoas e o naufraxio

Unha magnífica e necesaria edición

Xosé Feixó

Desde a perspectiva do novo milenio, Os Eoas semellan a historia dun naufraxio: un navío intacto no fondo do mar, de moitos mares ou cinsas pompeianas, que co tempo volveron abrollar, xa certamente lonxe do que, en palabras de Méndez Ferrín, quería ser ou pretendía ser, o poema fundacional da nosa terra ou da nosa lingua, ou da terra que quería singularizar en engrandecer, ao xeito dos grandes poemas épicos.

Nunca publicados, non xa en vida do seu autor, Eduardo Pondal, senón mesmo ata hai ben pouco, a derradeira versión d’Os Eoas ve agora a luz da man da Editorial Galaxia e do seu maior estudoso, o profesor Xosé Ramón Pena, quen lle dedicou ao tema abis e paixón, e tamén sufrimento, desde, ademais, o necesario coñecemento histórico e social onde a creación do poema se sitúa, seguido, claro está, do devir do poema guadiánico, que non perdido ou esquecido, nunha maleta onda Real Academia.

Non tivo sorte, desde lkogo, a temática e mais a perspectiva escollidas por un dos tres piares do Rexurdimento, quen deixou ese legado sen saber que ninguén en moitísimo tempo faría de albacea que cumprise a súa vontade, frustrada en vida tamén. Así, a epopea fundacional que pretendía non callou ben nos contemporáneos e sucesores galeguistas, os cales non valoraron debidamente o esforzo por acadar un sequera parecido paralelismo co sucedido noutras literaturas europeas e americanas que sí tiveron o seu gran poema épico. Un Cristovo Colón galego de nación e a descuberta de América foron o nobelo no que tecer a grandeza da nosa lingua e do noso país, e de... España.

Á fin, non foi ata o ano 2005, despois de ser rescatado da maleta en que estaba ben gardado, cando o poema viu a luz, definitivamente fixado e analizado polos estudosos Ferreiro, Forcadela e Pena, dividido en 28 seccións ou cantos que narran a descuberta de América por un Colón galego. Foi este último, Pena, quen sen desánimo continuou aprofundando no poema, no autor, na época, e en todos os avatares que ditaron o seu destino, no que xogaron un importante papel figuras senlleiras do galeguismo posterior, ata que se lle perdeu o medo.

Fará ben o lector en deterse con atención na intrahistoria creativa e histórica que magníficamente desenvolve Xosé Ramón Pena, para descubrir non só o poema -malia que a algúns acaso non lles goste a confluencia poética da Galicia, España e mais o cristianismo coa temática da descuberta de América,- que por si só ben paga a pena, senón tamén por coñecer a triste historia deste naufraxio tan ben contado polo estudoso editor, tan minucioso, tan anotado e tan acabado como xa ía sendo hora de o coñecer.

Imagen

Os Eoas

Autor: Eduardo Pondal (X.R. Pena, ed.)

Editorial: Galaxia

Nº de páxinas: 210

PVP.: 19,50 €

Grande Irmán

Nos mundos do ciberpunk

Oriana Méndez

831-urb é a última entrega de Manuel López Rodríguez, poeta de Noia que se autodefine como “outsider que camiña polas periferias do verso”. Descoñecemos se este encadramento de si mesmo procede dunha vontade xenuína por se afastar da centralidade ou se se trata dunha maneira inconsciente de encaixar o silencio co que a crítica adoita recibir as súas entregas que, non obstante, se suceden un ritmo tan vertixinoso que mesmo custa crer: tres títulos no 2020, dous no 21, tres no 22, dous no 23 e, polo de agora, esta asombrosa voráxine produtiva ou furor publicandi culmina no título que nos ocupa: 813-Urb, que lle valeu o Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu. O título, unha combinación de letras e números, lévanos aos mundos da ciencia-ficción ou, mellor dito, do ciberpunk, con referencias algo repetidas e tópicas xa desde o propio encabezado, amalgama aparentemente aséptica que conforma máis ca un nome, unha clave.

Trátase dunha distopía totalitaria que, con boa vontade, describe o día a día de supervivencia nalgún espazo opresivo de características urbanas. Polo medio, fíltrase, e isto ten interese en canto á estrutura, unha sorte de misiva, que distinguimos tipográficamente pola negriña e a cursiva, na que o eu se dirixe a alguén do exterior, alguén que se encontra fóra desa sorte de Gotham ou de Vigo hipercontrolado e futuro. Nesas comunicacións arélase unha saída e un reencontro sentimental no marco dun escenario natural liberador, coma unha praia. É, unha vez máis, a contraposición entre a arcadia natural -como se a mirada sobre a natureza non fose tamén unha construción cultural- e o urbano que conta con resonancias maléficas, tecnoloxía omnipresente e condicións de vida esgotadoras. Cumpriríalle, quizais, a este Grande Irmán abrir as marxes do imaxinario convencionalmente orwelliano para afondar nas distopías contemporáneas como, por exemplo, o control de fronteiras do que fala Ana Muñiz ou o rexime farmacopornográfico de Paul B. Preciado.

Imagen

831-urb

Autor: Manuel López Rodríguez

Editorial: Xerais

Nº de páxinas: 72

PVP.: 12,95 €

Angustia e terror

Nos entretecidos da novela gótica

Estro Montaña

Os amantes da novela gótica, do misterio e do terror teñen á súa disposición nas ibrerías Sempre vivimos no castelo (1962), relato de Shirley Jackson (1916-1965), autora de obras tan rompedoras como A lotería. Esta escritora estadounidense foi ama de casa de vida sedentaria, con certa afección ao alcohol, gran fumadora, nai e sostén económico fundamental dos catro fillos que tivo cun crítico literario. Jackson foi así mesmo creadora dun universo narrativo no que salientan os problemas que os diferentes poden sufrir ao viviren en comunidade - especialmente se se trata de mulleres-, no que as narradoras parecen pouco fiables e no que as casas dos protagonistas son lugares claustrofóbicos proclives a sorpresas que xorden con frecuencia nunha atmosfera inquietante.

Nesta novela, os Blackwood viven nunha casona illada, rodeada dunha extensa propiedade e protexida por un aramado. Neste territorio de difícil acceso conviven a sensible e extravagante Merricat, a súa irmá Constance, moza doce e fermosa que foi exculpada de asasinar a parte da familia, o desvalido tío Julian e o gato Jonas. Merricat é a única que sae deste refuxio dúas veces por semana para comprar comida e pedir libros na biblioteca. Estas saídas resultan moi angustiosas porque está convencida de que os veciños os odian. A vida da familia, escura pero sen sobresaltos, vaise complicar ca chegada do curmán Charles, personaxe intrigante e ambicioso que desestabiliza as relacións e acaba coa paz do fogar. Na parte final, un incendio descobre ao lector o inferno que rodea esta familia -en tempos respectada-, as teimas e os complexos vínculos das irmás.

Sempre vivimos no castelo é a novela máis famosa desta escritora de éxito, admirada por colegas coma Stephen King.

Imagen

Sempre vivimos no castelo

Autor: Shirley Jackson

Editorial: Rinceronte

Nº de páxinas: 198

PVP.: 19 €

Coas chaves da vida

Villalta para os máis novos

María Navarro

Para disfrute dos pequenos Eva Mejuto vén de publicar Sempre infinita na colección Miudiñas de Cumio Editora, un volume no que combina narración, datos e versos da autora á que este ano lle dedican o Día das Letras Galegas e que coas ilustracións de Bea Gregores ofrece ao lectorado unha lectura paralela na que salientan as chaves da vida, da obra e da proxección de Luísa Villalta, porque se foi importante a súa escrita na década dos noventa e a comezos do século XXI, tamén o está sendo descubrir o seu universo vital de compromiso, de achegamento á mocidade a través da docencia, da estreita relación entre a palabra e a música, da sensibilidade cara a todo o que a rodeaba, do que sucedía e do que pretendía, ‘do mar, sempre infinito’ e do equilibrio que desexaba.

Dunha forma sinxela vai debullando etapas e deseñando unha vida cargada de símbolos que han servir para amosar que o pensamento que se deixa levar polo sentido común implica unha mirada desprevida e obxectiva sobre o real, sobre ao tratamento da lingua e a cultura á que se lle engade a melodía musical para convertelo todo nun diálogo frutífero coa cultura dun país e isto Luísa Villalta parecía telo moi claro; a paixón polo saber e o compromiso coa terra fixeron da súa vida e do seu legado unha forma de entender o mundo no que a palabra e as notas musicais cobraron moita forza, estaba convencida de que con estes signos podíase mudar o mundo, de feito puxo a súa pluma e a voz en favor das causas dos máis febles loitando polas inxustizas e a guerra ‘os temas son meus, son o mundo mesmo’.

E ademais da poesía e a música, tamén escribiu narrativa e teatro como acto de reflexión e resistencia e porque así reivindicaba tamén a súa condición de muller coa ‘teima e a vontade íntima de voar’.

Imagen

Sempre infinita Luísa Villalta

Autor: Eva Mejuto (Bea Gregores, ils.)

Editorial: Cumio

Nº de páxinas: 40

PVP.: 14,96 €

Suscríbete para seguir leyendo