Entrevista | Alexandre Peres Vigo Doutor en Filoloxía Galega e Portuguesa

“A galaicofobia pervive sobre todo en forma de parodia”

Alexandre Peres Vigo.

Alexandre Peres Vigo. / FdV

En Galaicofobia (Galaxia), Peres Vigo afonda no coñecemento de "o desprezo polo pobo galego". A través das súas páxinas, o autor deita a súa ollada nos numerosos testemuños literarios que ao longo da Historia mostraron as súas fillas e, sobre todo, as súas fobias contra Galicia, a súa lingua e a súa cultura.

–De verdade coida Vde. que, a estas alturas dos tempos, hai moita xente que “humilla, desprecia e odia” os galegos, a Galicia e até a nosa cultura?

–Dende logo, no pasado, si que ocorría e moi claramente, pero hai que recoñecer que houbo unha evolución, de tal maneira que non me atrevería a dicir que na actualidade haxa moita xente á que non lle gustan os galegos. Mais si que de cando en vez xorden un tipo de noticias, anécdóticas ou non tanto, sobre algo que dixo alguén famoso ou con certo renome, que nos senta mal aquí. E analizando un pouco isto, si que acredito que aínda hai un certo tipo de connotacións que, se cadra, a nós se nos escapan, pero que semella que fóra de Galicia seguen funcionando. Evidentemente, como xa dixen, todo este discurso foise suavizando, pero mantén unhas raíces moi fortes que aínda hoxe teñen os seus ecos. Do que se trata no libro é de descubrir esas raíces.

–Eu o que noto é que a xente presume cada vez máis de ter nacido en Galicia…aínda que só residise aquí un, dous ou tres anos…

–Eu quero pensar que, entre nós, desde dentro, cada vez hai máis aprecio polas nosas cousas, pero en cambio, reitero, fóra aínda segue existindo galaicofobia.

–Por exemplo?

–Hai moitas anécdotas. Unha delas foi a de calificar de dialecto o galego no programa Masterchef . Pero, alén diso, a min chéganme continuamente wassaps que me remiten amigos de cousas que se din de nós: algunhas son ofensivas, outras non tanto, e ás veces, malia que non o parece, si que se reflicte nelas a galaicofobia.

–Concretando.

–Cando din de nós que somos ”moi simpáticos, moi inocentes, moi inxenuos”, iso de entrada non semella que sexa negativo, o que pasa é que como eu teño lido textos antigos, dos séculos XV, XVI e XVII, nos que esa caste de tópicos xa estaban aí, sei que é moi difícil acabar con isto. Se ben é certo que, como ti dis, cada vez a sociedade galega ten mais orgullo da súa galeguidade, e xa resulta raro atopar alguén que agoche que é galego. Como escribo no libro, cando existe un menosprezo (xa non quero decir odio) hai dúas reaccións posíbeis na sociedade que recibe ese desprezo: unha é a interiorización e, a outra, a que se exterioriza e que manifesta en voz alta que non asume nin quere asumir ese tipo de posturas. E eu creo que esta segunda reacción cada vez abonda máis, ou esa é sensación que teño.

–Daquela, xa que no libro hai moita Historia, cando comezaron a odiarnos “o resto dos españois”?

–Os primeiros testemuños escritos que temos desta aversión cara a Galicia e os galegos datan do século XV, en textos moi vinculados á monarquía de Castela. Nesa época, os monarcas casteláns non conseguían controlar o reino de Galicia, nós éramos para eles unha pedra no camiño, unha amenaza e un obstáculo político, e entón, como adoita suceder, cando un pobo é máis difícil de someter ou integrar, aplícanselle criminalizacións e demonizacións. E nós tivemos esa mala sorte.

–Afonso X escribía en galego-portugués.

–Si, pero porque non lle quedaba máis remedio; el era un rei castelán, pero era tal a importancia e mais o prestixio do galego medieval que,se querías que unha obra posuíse calidade, tiñas que pasar por aí. De feito, unha cousa é como valoraba Afonso X a lingua e, outra, que non hai que perder de vista, que este rei , que se saiba, nunca estivo en Galicia. É máis, tivo moitos conflictos: as Cantigas de Santa María en certo modo fixéronse tamén para acabar co poder de Santiago, porque era un poder que el non controlaba. Digamos que Afonso X apreciaba o valor da lingua, mais era adverso politicamente a Galicia, porque sabía que aquí non espertaba ningún tipo de simpatía.

–No limiar do seu libro afirma Vde. que o que nos pasa a nós,non lles pasa aos murcianos, aos madrileños, aos vascos…Perdóeme Vde., pero iso tamén lles ocorre a eles: aos madrileños chamámoslles “fodechinchos”, aos vascos quedoulles a pegada de “brutos” e “terroristas”, aos cataláns a de “avaros”, aos andaluces de “vagos” e “falabaratos”... Ou sexa, que nas fobias non estamos sós non mundo. Ou sí?

–Dende logo que non estamos sós. De feito, fobias hainas en todas as partes e súfrenna moitos pobos. Seguen existindo moitos estereotipos, uns son nocivos e outros non tanto. No noso caso, e isto ata o dixeron estudosos de fóra, nos séculos XVI e XVII non había outro pobo máis devastado e estigmatizado que o galego; é dicir, eramos os últimos. da lista Cervantes ata escribiu que “los gallegos no son alguien”. E iso prosegue ao longo dos séculos XVIII e XIX. Daquela, os estereotipos existen, pero algúns son moito máis duros e marxinalizantes e paródicos. No noso caso, o que máis subsistiu foi a parodia.

"Afonso X apreciaba o valor da nosa lingua, mais era adverso politicamente a Galicia"

–Que Galicia é historicamente un pobo emigrante, e que os emigrantes, efectivamente, non son en xeral ben tratados nos países aos que emigran, iso pásalles a todos. Porque ,entón, cos galegos se “cebaron”, nomeadamente en América?

–Porque xa viñamos dunha inercia previa. A emigracion galega xa se percibe no século XVI,e aínda pervive ao día de hoxe, pero daquela o principal destino que tiñamos era Castela, e en Castela empezouse a ollar para os galegos non xa como inimigos, senón como xente pobre que lles ía sacar o pan. En América aconteceu que cando a monarquía de Castela comeza a conquistala, foi transmitindo toda esa xenreira. Porén, isto non nos pasaba en Europa. No século XX, cando un galego marchaba Suíza, Holanda, Inglaterra...non sufría esta discriminación.

–Unha recente enquisa daba como resultado que, despois dos asturianos, os galegos somos “as mellores persoas” da península Ibérica. Supoño que para Vde. iso non cambia nada…

–Non me extraña. Son cousas da evolución. Teño escoitado moito iso de “ galeguiño” e, en principio ,coido que non é despectivo, pero tamén me pregunto: e iso por que non se lles aplica a outros? E a resposta está en que ese termo xa leva instaurado arredor de 400 anos. Igual que pasa cando che espetan “¡No seas gallego!”. E certo que a xente, cando chega aquí, valóranos, pero para min esa idea negativa de nós aínda pervive.

–E o mellor remedio non será tomamos as cousas con máis sentido do humor ou non darlles máis importancia?

–É que xa temos a pel endurecida. Ás veces si que hai que tomalo con sentido do humor, hai que relativizar, pero por outra banda reflexiono e dígome: “Tragamos con moitas cousas”. Polo tanto, unha boa notcia é que estamos reaccionando máis, xa non deixamos pasar todo, xa non somos tan submisos.

Suscríbete para seguir leyendo