Libros

Historiar a arte de noso

Con didactismo e solvencia

Detalle da portada de "Unha historia da arte galega".

Detalle da portada de "Unha historia da arte galega". / Estro Montaña

Estro Montaña

Titula Carlos L. Bernárdez o seu último libro Unha historia da arte galega, co indefinido “unha” para deixar de manifesto que é a súa unha interpretación orixinal e subxectiva, exposta, por certo, de maneira didáctica e cun estilo solvente como acontece nos bos ensaios. Ofrécenos o autor unha visión dialéctica, non estática, das manifestacións artísticas desde as mámoas e os petróglifos ata as obras máis coetáneas, visión acompasada aos procesos históricos e nos que analiza as coincidencias e as particularidades no noso territorio cos movementos artísticos europeos. Esta dualidade na análise está alimentada por un amplo aparato crítico nado entre nós e por centos de referencias de dimensión internacional. Son moitas as aportacións novidosas do libro: a conexión dos acontecementos do pasado coa situación actual, a incorporación de pintoras pouco coñecidas, o uso de citas literarias ou textos de reflexión galegos para introducir os diferentes capítulos e apartados, a orixinalidade nas reflexións sobre a revista "Alfar", a pintura de Francisco Miguel e o seu realismo máxico -antecedente de Lugrís-, etc. O vademécum elaborado por Bernárdez é una extraordinaria guía para camiñar con éxito polo rico e complexo mundo da arte galega e para recorrer con orgullo un mundo de gran riqueza que el dignifica con palabras cargadas de significado e con fermosas fotografías que confirman a beleza da nosa tradición. Unha sobria e suxestiva portada e unha fermosa maquetación realzan o atractivo desta publicación que merece todos os nosos parabéns e que está dividida en dúas partes: unha, desde a prehistoria ata o século XVIII incluído, e outra que se inicia no século XIX, co seu intento de definir unha arte nacional.

Carlos L. Bernárdez, colaborador destas páxinas, é comisario de exposicións, (acaba de encargarse da exposición de Laxeiro en Madrid e París), autor de estudos e edicións de autores literarios galegos, crítico de arte e autor de numerosos catálogos e libros, entre eles Breve historia da arte galega (2005) e Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta (2020).

  • Unha historia da arte galega

    Carlos L. Bernárdez
    Laiovento, Santiago, 2023, PVP. 44,95 €

Suscríbete para seguir leyendo