A natureza do libre albedrío

Do neurodereito e do paradoxo da liberdade

A persoa: última fonte das accións do Dereito.

A persoa: última fonte das accións do Dereito. / FDV

Son tan culpábeis o gato por acosar o rato, ou o raposo por matar a galiña, como a auga por erosionar a pedra. Non teñen elección. Seguiriamos sendo iguais se desterramos da nosa vida a experiencia da liberdade? A liberdade fainos culpábeis. No dereito, as persoas somos responsábeis na medida que somos libres de elixir. A culpa non está recollida nas páxinas dos códigos, está na resposta á pregunta de se a persoa tivo outra alternativa. Liberaranos a neurociencia da responsabilidade dos nosos actos? A ciencia establece retos importantes tanto para a filosofía como para o dereito penal. No centro destas cuestións está a idea de culpabilidade, de libre albedrío, a realidade dos estados mentais e a normatividade moral.

O Dereito considera a persoa como a última fonte das súas accións. Para ser libre é necesario dispoñer de varias alternativas e de control da conduta. Algunhas investigacións son interpretadas na dirección de que a experiencia de liberdade é falsa. Hai evidencia de que existe un potencial neurolóxico de “preparación da resposta” que se adianta ata sete segundos antes de que a persoa decida. Interpretar estes resultados como proba da falta de libre albedrío non é compartida por toda a comunidade científica. Considérase que xeralizar conclusións da conduta básica ás condutas complexas, non é oportuno. Pero estas interpretacións crean unha dúbida razoábel sobre a posíbel natureza determinista do libre albedrío. Nunha liña semellante cuestiónase a conduta moral que se vincula a unha natureza intuitiva e emocional antes que racional e social.

Hai quen intenta retirar a liberdade deste foco de atención determinista. Para Locke, non é necesario dispoñer de alternativas xa que podemos non ser conscientes da falta delas e sermos igualmente libres. Outras posicións consideran que, aínda que os estados psicolóxicos estean determinados, isto non inflúe na liberdade, se a consideramos como a coherencia entre a vontade, os desexos e mais as accións. Neste caso, a liberdade consiste na incapacidade para predicir as nosas accións porque non sabemos como imos actuar. Harry Francfurt mantén que a liberdade é a coherencia entre os desexos e o que cremos que debemos desexar; é dicir, son libre se estou satisfeita cos meus desexos.

A natureza do libre albedrío

John Locke (1632-1704). / FDV

Hai na ciencia unha intención de demostrar que non existe nada diferente ao produto do funcionamento cerebral. Sobre os estados mentais descansa a intencionalidade do dano e a culpa no dereito. Se a nosa conduta está só determinada pola presenza ou ausencia de química, esta idea vulnera a base da construción social. As persoas non nos recoñecemos como un conxunto de células, ósos e órganos, senón como seres sociais que nos relacionamos dunha maneira ou doutra. A responsabilidade sobre os nosos actos no ámbito xurídico non está baseada na identidade biolóxica senón nas transaccións sociais. Neste sentido, extraer o libre albedrío do ámbito normativo para observalo dende o determinismo biolóxico, pode considerarse un erro categórico xa que a liberdade pertence á ciencia do social.

Resulta imposíbel demostrar empiricamente un determinismo universal da conduta humana. Mesmo que a idea de causalidade é unha forma importante de entender o mundo, moitas regularidades da natureza non se axustan a esta pretensión. Se todo está determinado, haberá que asumir que tamén responden a esta natureza todos os pensamentos, razoamentos, as ideas morais e a imaxinación.

A investigación conseguiu, a través da manipulación xenética, cambiar a conduta sexual duns ratos e volvelos monógamos. Non hai que esforzarse moito para imaxinar as derivas especulativas destas experiencias. Ter ou non ter certas substancias no corpo, faranos inocentes? Hai investigacións que vinculan a agresividade á menor materia gris na estrutura cerebral: converterase esta evidencia nun atenuante das penas? Vincularanse as sentenzas a tratamentos para nivelar certos niveis hormonais e controlar a expresión das condutas? Para Francis Fukuyama os fármacos deseñaranse para cambiar o nosos potenciais xenéticos ou para minimizar a súa expresión a vontade.

Pode que o problema resida sempre nesta ambición de control. Tal vez sexa necesario aceptar que non é posíbel construír a nosa identidade sen considerar a orde e o caos nunha realidade inclusiva para ambas expresións.

Suscríbete para seguir leyendo