Abrir a casa

Con poderosa enerxía

Portada de "Un amor antigo".

Portada de "Un amor antigo". / Oriana Méndez

Oriana Méndez

Un amor antigo é o novo regreso de Luisa Castro, a poeta que non marcha porque quizais pertencer ou ser de aquí non se encontren entre as categorías que á autora, cuxa vida transcorre a través de distintas cidades estranxeiras como directora dalgunhas sedes do Instituto Cervantes, lle resultan especialmente fértiles, senón quizais, ao contrario, a de Luisa Castro sexa unha voz que brilla na experimentación co propio e co alleo, moldeando esas percepcións mentres entra no que non posúe e, ao mesmo tempo, toma distancia con respecto á herdanza. E así, se cadra toda a arquitectura lingüística e mental, ou ningunha, lle pertenza completamente á escritora que, por definición, traballa sempre cunha especie de lingua estranxeira.

Dende que publicara Baleas e baleas (1988 e reeditado por Galaxia en 2018), libro de culto e angular para comprender a poesía galega que chegou despois, sabemos das súas obras en lingua castelá e agora volve ao galego, amosando que a poesía emerxe cando fai tremer a nervadura da linguaxe, como queira que se manifeste de xeito concreto nun idioma. E, aínda máis, amósanos que na ollada escindida latexa unha potencia de escritura: “Eu non podo saber / que significa ser desta terra / nin teño unha lixeira idea / de a quen debería botarlle a culpa / cocíñoa eu soa / esa sopa / da miña ignorancia / da miña soidade”.

O libro acóllenos cunha portada que reproduce unha fotografía dos pais da autora, dándonos unha medida da presenza que vai ter a memoria familiar e a paisaxe da infancia. Estruturado en catro seccións, Un amor antigo amplíase a todas as dimensións do amor, se ben a última parte, “Da guindeira fálame, pai”, relaciónase directamente coa perda paterna e exhibe a poderosa enerxía que pode nacer desa escuridade porque a morte ten a capacidade de facernos conscientes do prodixio da vida e de facernos experimentar dobremente, a través da propia conciencia dun e tamén a través da ollada do outro que, ausente, xa ficou en nós para sempre.

UN AMOR ANTIGO (2022): Luísa Castro, Vigo, Galaxia, PVP. 13.91€

Suscríbete para seguir leyendo