Banda deseñada

Existencialismo fantástico en viñetas

As 'Sabas' de Brenna Thummler

Unha das viñetas da novela gráfica "Sábanas", de Brenna Thummler.

Unha das viñetas da novela gráfica "Sábanas", de Brenna Thummler. / Raquel López

Raquel López

Cando entrei na librería, non sabía que cousa andaba a buscar ao certo. Non obstante, deseguido me deixei embaucar pola tenrura solitaria da pantasma na lavadora da cuberta de Sábanas (co-publicada por Brúfalo Lector e Ediciones La Cúpula, 2022). Sobre a novela había unha divertida nota da propia libreira na que se advertía de que esta era unha obra que quererías descubrir e diseccionar persoalmente antes de que o fixese unha famosa plataforma de streaming, por moi boa que fose a adaptación. Porque si, Sábanas ten todas as papeletas para que ese tipo de plataforma veña reparar nela: unha adolescente con problemas de popularidade na súa escola, a morte da súa nai e unhas circunstancias problemáticas que a levan a unha madurez acelerada, todo contado con ese disfrace de costumismo cálido, do que non é disruptivo pero sempre deixa un pouso agradable. Desde logo, Brenna Thummler, a súa autora, non inventa a roda, pero si que nos conta unha historia xa coñecida con sensibilidade e sen abusar do drama, introducindo os temas con intelixencia e sen forzar o ritmo.

  • Sábanas

    Brenna Thummler
    Brúfalo Lector/Ediciones La Cúpula,
    2022, 244 páxs.

A historia constrúese en dúas liñas paralelas. Por unha banda, está Marjorie Glatt, de trece anos, unha nena que ten que facerse cargo do negocio familiar, unha lavandería, tras a morte da súa nai. Tanto a lavandería como a casa (que inclúen o cuidado do seu pai e do irmán pequeno) quedan baixo a súa responsabilidade. Ten que lidar cun empresario que a acosa para facerse co negocio mentres tenta manter intacto o seu expediente académico. Por suposto, non é popular na súa escola e a súa vida social devén un desastre. Aínda por riba, unha pantasma empeza a visitar a lavandería. E aí o outro lado, o de Wendell, unha pequena pantasma que non acaba de entender ben que é iso de non estar vivo e transgrede todas as leis dos mortos ao interactuar con Marjorie, expoñéndose de forma inconsciente ás consecuencias. Compórtase como un neno, algo que ela xa non pode permitirse. Deste xeito, a pantasma convértese no tropo recorrente dun morto que ensina que cousa significa estar vivo, pero aínda que o duelo e mais as súas diferentes formas de soportalo son algúns dos temas desta novela, non son os centrais; quen o é, vén ser a perda: a da infancia da protagonista. Trátase da nostalxia do que xa non pode ser e mais a aceptación da súa nova situación e do que iso require dela, unha “nova” ela. Como é habitual nas historias do paso á vida adulta, outras cuestións aparecen tamén, como a identidade, a comunicación, tan necesaria e difícil (como falan máis alto as accións que as palabras) e o aprender a pedir axuda.

Brenna Thummler Sabanas Tripa 78

Unha das páxinas do libro.

Xa no eido gráfico, o que máis destaca é a elección cromática. Thummler prescinde completamente do negro, o que converte o azul (“blue”, mesma palabra en inglés que para triste) na cor principal. Opta por tons máis fríos para as escenas de Wendell –que é incriblemente expresivo a pesar de ser unha saba con dous buracos– e máis cálidos cando nos atopamos con Marj.

Nas imaxes: diversas viñetas da novela gráfica Sábanas. A autora norteamericana de BD Brenna Thummler.

A autora norteamericana de BD Brenna Thummler. / Raquel López

Brenna Thummler creceu no noroeste de Pensilvania. Desde que rematou Belas Artes, realizou traballos editoriais para clientes como "The New York Times" ou "The Washington Post". A súa primeira novela gráfica foi unha adaptación xunto con Mariah Marsden de Ana de las Tejas Verdes (Edicións Maeva, 2020), pero Sábanas é a súa primeira obra orixinal e constitúe o primeiro volume dunha triloxía que rematará este ano no seu idioma orixinal. A tradución é da pontevedresa Natalia Mosquera, que ademais exerce de editora en La Cúpula.

[object Object]

Co mural de Susie Hammer do Calvario que aparece en Chico! Los que van detrás de la fila (Editorial Siete Islas, 2022) presente, continuamos co street art e o “viguismo” como protagonistas.

A principios do ano pasado, o deseñador Iago Losada (Vigo, 1985) presentábanos dunha forma curiosa e orixinal o seu personaxe Lucio Strada. A súa primeira aparición foi traxeado e acompañado cun can nun muro da rúa Perigos na zona do Casco Vello. Outros personaxes míticos ou relacionados con momentos icónicos da cidade olívica foron aparecendo nas paredes das rúas, como aquela Madonna ataviada coa camiseta do Celta durante o seu concerto en Balaídos. Todo formaba parte dunha campaña de guerrilla e expectación para presentar unha nova obra xunto ao guionista Alberto M. Soto, unha BD situada nunha anacrónica Vilajiche (Vigo) poboada de personaxes ilustres (o croonerTony Lomba, Tocho e as súas retransmisións dos partidos, Enoque no seu Kiosko O Buraco…).

Nesta serie de doce volumes de vinte e catro páxinas cada un, o protagonista Lucio Strada verase envolvido nun misterio que tentará resolver e que o levará por localizacións moi recoñecibles da nosa cidade, aínda que leven un nome falso, como A Lagarta, Fai Chuletas ou O Boletín da Ría (chiscadela).O primeiros seis capítulos, publicados pola Editorial Elvira, sempre presente e sempre valente, presentáronse en decembro do ano pasado e pódense comprar en lote na páxina web da editorial. Durante este ano publicarase o resto da serie.

Suscríbete para seguir leyendo