Marabillosa fantasía

Calma, concordia, naturalidade

Portado do libro

Portado do libro

María Navarro

A fantasía que exhibe Gianni Rodari en 'Axente X-99' e que presenta en forma de contos e versos traslada os lectores ao espazo, alí onde é posible facer amigos, explorar lugares extraordinarios e mesmo recrear paraísos naturais.

Nas últimas páxinas e para rematar, outro planeta, o das árbores de Nadal, amosa o bo humor, o xogo lingüístico e o pracer de contar do escritor, pedagogo e xornalista italiano especializado en obradoiros sobre a comedia infantil e xuvenil, merecente de Premios como o Hans Christian Andersen e que supuxo toda unha innovación á hora de traballar a/s lectura/s nas aulas: convencido do poder liberador da fantasía toma a palabra para que a imaxinación teña o seu lugar na educación e sexa o neno o que a través do xogo vaia construíndo o seu universo creativo.

O personaxe Axente-99 diríxese a un xornalista imaxinario para responderlle e explicarlle que fixo durante as súas expedicións espaciais nas que, baixo o disfrace de Deus do Lume ou co pretexto de entregar un paquete de materiais e acompañado sempre da súa cabra Renata, puido comprobar as boas intencións dos habitantes, os beneficios das árbores, o bo facer duns raparigos que queren construír un can robot ou as negociacións cos Cincuenta Negros.

En todos e cada un dos lugares aos que acode a concordia, a calma e a naturalidade guían os pasos do axente practicamente en todos os seus movementos dándolle así unha oportunidade de disfrutar fantaseando coa posiblidade de facer o ben.

Uns divertidos poemas, referidos ao planeta das árbores de Nadal, amenizan o volume cuxo contido destaca pola sorprendente asociación de ideas que xoga cos sentidos para captar a atención creativa do lector, da mesma forma que a recreación plástica de Federico Delicado engade unha suxerente interpretación do texto.

RODARI, Gianni, Axente X-99 (Ils. Federico Delicado), Kalandraka, Pontevedra, 2021, PVP. 13.30 euros

Suscríbete para seguir leyendo