Dende a fiestra

Guerra e infancia

Nenos feridos nun hospital de Gaza.

Nenos feridos nun hospital de Gaza. / FDV

Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

Xa sei que non son moi orixinal -tampouco o pretendo-, pero cando leo un titular coma este: “Non cesa o masacre israelí en Gaza”, revólveseme o estómago. Que queren, non consigo acostumarme. Sobre todo se leo que alomenos 84 gazatís faleceron nun novo ataque a un grupo de persoas, mentres agardaban un convoi humanitario. Terrible. 

Ata cando a comunidade internacional vai continuar mirando cara a outro lado, mentres se perpetra unha matanza de palestinos de dimensións estratosféricas?

Os tímidos -e hipócritas- xestos de certos países de apoio soan unicamente a desculpas de mala conciencia, porque saben do xenocidio, pero por causas políticas e económicas non moven ficha. Os palestinos están sós e están a acabar con eles. Máis de 32.226 vítimas mortais e 75.000 feridos dan fe do que digo.

Procesando estes números leo en Público que o voceiro da UNICEF, Joe Elder, afirma: “Os nenos están delgados coma o papel”. Así de duro; así de claro. Dóenme , sempre me doeron os nenos e nenas. Eu, que vivín preto deles/as e que gozo escribindo para a infancia e a mocidade, sufro por unha situación tan inxusta como cruel.

A malnutrición e a deshidratación fan estragos na poboación infantil. Elder manisfesta que “estamos a ver, como os nenos morren de fame, no sentido literal máis cru”. Hai conciencia de semellante insensibilidade e barbarie?

Encolle o corazón saber que dos 32.000 mortos, tras case seis meses desta loucura, uns 14.200 son nenos e nenas. Un de cada tres rapaces de dous anos sofre malnutrición aguda. Espántame, ademais, saber que a fame se converteu noutra arma de destrución infame. E remata Elder lamentando: “Cada vez é máis difícil atopar palabras para describir o que vexo”. Non me estraña. A min ocórreme o mesmo. A rapazada non comezou a vivir e xa atopou a morte. Vidas sen gozar do sol, da natureza, do agarimo das nais. Vidas coutadas de raíz sen posibilidades de sentir o eco do vento aloumiñando os seus rostros. Cruel deshumanización sen ningunha vontade política real de acabar co sufrimento.

Como me doe a vulnerabilidade da infancia provocada por monstros!

As nenas e os nenos levan moitos anos vivindo na vulnerabilidade máis absoluta en moitísimas partes do mundo. Non son noticia, porque non interesa. Países de América, de África, de Europa, de Asia teñen enormes bolsas de pobreza, nas que os rapaces e rapazas son os que máis a sofren. Pero ninguén se lembra disto, agóchase e a vivir de costas a certas realidades que incomodan.

Vénme á cabeza unha figura horrorosa da que hai tempo que quero escribir. Porén, nunca encontro o tempo porque me deprime: os nenos e nenas soldados. Unha poboación infanto-xuvenil, cuxos dereitos son ignorados e vulnerados sistematicamente, malia contar, dende 1959, coa “Declaración dos Dereitos do Neno”. Aprobada por consenso pola ONU, propoñía dez puntos fundamentais para protexer a infancia, pero resultou insuficiente porque, legalmente, esta Declaración non tiña carácter obrigatorio. Tras anos de negociacións con gobernos de todo o mundo, líderes relixiosos, ONGs e outras institucións, logrouse aprobar o texto final da “Convención sobre Dereitos do Neno” o 20 de novembro de 1989, cuxo cumprimento sería obrigatorio para todos os países que a ratificasen. O punto número 3 dos principios desta Convención -Dereito á vida, á supervivencia e ao desenvolvemento- di: todos os nenos e nenas teñen dereito a vivir e a acadar o seu máximo potencial na vida.

Que ben soa, non si? Pois miremos o mundo dende a nosa sensibilidade e vexamos a vulneración deste principio fundamental na existencia dos pequenos/as e adolescentes. Non nos fai sentir vergoña, rabia, o incumprimento cotián deste punto?

É papel mollado?

Sen dúbida, diante do exposto anteriormente, semella ben claro que si.

E se vemos e lemos sobre os nenos soldados, imposible non sentir terror, mágoa e vergonza. Teño nas mans un libro tremendo: Los niños soldados. Un estudio para el Instituto Henry Dunant, Ginebra, (Editorial Fundamentos/Cruz Roja Juventud. 1997). Escrito por Ilene Cohn e Guy Goodwin-Gill, só ver a fotografía da cuberta e as das páxinas interiores aterroriza. Vese a Mukamba, un soldado ugandés de nove anos, que nos apunta dende a portada do libro, mentres milleiros de nenos e nenas son recrutados para participaren en sanguentos enfrontamentos no mundo enteiro. Os nenos soldados serven de espías para as forzas armadas, son ameazados con seren detidos se non se alistan. Son obrigados a colaborar contra a vontade dos pais, disparan, entran en combate e, a través dun lavado de cerebro, chegan a sentir un desexo irrefreable de tomar as armas e pelexar pola causa. Son incitados a ir á fronte e, se son capturados, moitos gobernos non amosan o mínimo interese pola sorte dos pequenos combatentes.

Para que seguir! Isto ocorreu, ocorre e seguirá ocorrendo mentres a crueldade humana estea por riba do ben común. E, como vemos en Gaza, a insensibilidade é clara.

Vexo as fotos de Mukamba, dun rapaz co fusil en Liberia, de dúas mozas armadas no Salvador ou dúas nenas coa arma nas mans no Líbano e acaban por romperme o corazón.

Sento diante da fiestra e tras a chuvia escoito Heroes, a fermosa canción de David Bowie. E penso: nin vida, nin supervivencia nin desenvolvemento. Só a violencia.

Suscríbete para seguir leyendo