Vacacións en Hyrule

Imagen del tráiler oficial  de “Legend of Zelda:  Tears of te Kingdom”.

Imagen del tráiler oficial de “Legend of Zelda: Tears of te Kingdom”. / FdV

Ledicia Costas

Ledicia Costas

As pradarías e chairas que atravesei nas últimas semanas fixéronme suar ata a extenuación. Ás veces un sol radiante coroaba o ceo e outras vinme na obriga de procurar acubillo para protexerme dos lóstregos que partían árbores coma se fosen de manteiga. Escalei montañas cheas de musgo, que esvaran aínda que leves roupa específica, e outras de pedras afiadas. Estou falando en pasado, mais a viaxe acaba de empezar. De cando en vez ascendo ao punto máis alto que consigo atopar na contorna e dedícome só a contemplar. Marabíllanme as illas colgadas do ceo, son coma micromundos suspendidos nos que hai ruínas silenciosas que falan doutras civilizacións. Outra cousa que me gusta é fotografar animais e meterme en pozos e covas. Descubrín que me relaxa moito destruír as rochas que agochan xoias. Procuro tesouros e ás veces consigo dar con eles. Teño orbes dourados e pedras preciosas que combino cos utensilios que vou atopando e así fabrico armas máis poderosas. Levo no lombo un cetro que cuspe lume. Fabriqueino estes días e cada vez que o uso síntome invencible. Tamén construín vehículos para navegar e voar. Agora doulle á mecánica. Voar é case tan relaxante coma pasar o tempo observando as illas do ceo e os dragóns que hai no horizonte. Teño unha paravela coa que me desprazo entre montañas, o son do vento batendo contra a tea provócame cousas fermosas. Cociñei tantos pratos que xa non podo transportar máis, vou a tope. É gratificante atopar un lume e poder asar as cousas que vou atopando e que constitúen o meu sustento: vexetais, peixe, as vísceras dos inimigos que matei... Estas son fantásticas para elaborar elixires que proporcionan maior resistencia. Pasei moito frío. Estiven nun lugar que imaxino que será bastante semellante á parte máis dura de Siberia. A única maneira de resistir alí é comendo froitos ígneos. Ás veces acelérome. Adoita suceder cando soa a música que alerta dun inimigo e de súpeto aparece unha criatura aterradora que o único que quere facer é aniquilarme. Con algúns aínda non podo. A outros mátoos a distancia, co arco Se usas ollos ou ás de morcegos nas frechas o ataque gaña en potencia e ferocidade. Berrei algunha vez despois de conseguir acabar con algunha desas criaturas. Dan moito noxo e non sinto ningún tipo de compaixón por elas. Cada vez que logro cruzar as portas dunha atalaia, abro outro anaco máis de mapa e a luz remata coa escuridade.

Os templos lévoos peor. Propoñen desafíos con crebacabezas e algúns poden chegar a resultarme frustrantes. Iso é porque non me gusta deixar as cousas sen rematar, nin na vida nin no Zelda. A última entrega, Tears of the kingdom, saíu o 12 de maio e en tres días xa sumaban dez millóns de copias vendidas. Hai unha febre que se expande e levou a empresarios xaponeses a conceder vacacións para que os traballadores poidan xogar.

A nova entrega do Zelda é tan impresionante coma inabarcable. Paréceme imposible aprender os nomes das aldeas e levar a cabo as misións secundarias. Creo que isto é o que peor se me dá. Isto e matar dragóns xigantes de tres cabezas. Sempre acaban comigo. Desde o 12 de maio, día que recibín o xogo coma agasallo, vivo a cabalo entre dous mundos: o planeta Terra e Hyrule. Se hai un deus ao que venero é a Nintendo. Non sei se a curto prazo conseguirei atopar a Zelda, a princesa perdida. É moi probable que me leve meses. Pero ás veces, coma nesta ocasión, o verdadeiramente importante é gozar da viaxe.

Suscríbete para seguir leyendo