Saltar al contenido principalSaltar al pie de página
SAN XOÁN DE POIO 2023

Homenaxe aos pequenos "grandes" artistas co Concello

Poio celebrou onte a tradicional entrega de premios do Concurso de Carteis de San Xoán» Carolina Cancela foi a gran triunfadora desta edición

Carteis gañadores do concurso 2023, entre os que se atopa o elixido para ser a imaxe oficial dos festexos.

Carteis gañadores do concurso 2023, entre os que se atopa o elixido para ser a imaxe oficial dos festexos. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Poio

Non podía ser doutro xeito: as cores laranxa e azul que tinguen estes días a vila en forma de cacharelas e sardiñadas protagonizan o cartaz do San Xoán de Poio 2023, escollido en maio no tradicional certame de carteis escolar que cada ano organiza o Concello entre os estudantes da comunidade educativa da contorna, con ata catro categorías contempladas e divididas por idades.

Nesta edición, o deseño elixido para ser a imaxe oficial dos festexos foi o realizado pola alumna do IES Carolina Cancela Corbacho, orgullosa gañadora da última categoría do certame, a D, destinada aos rapaces e rapazas da zona con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos.

Houbo, con todo, ata tres gañadores máis no resto das categorías e así puido comprobarse onte durante a tradicional entrega de premios do Concurso de Carteis de San Xoán, celebrada á tardiña durante o Pregón dos festexos, a cargo do historiador, guionista e escritor Rodrigo Cota.

Unha cita na que tamén resultaron galardoados Valeria Freire Estévez, veciña de Raxó e alumna do CEIP Chancelas, que recolleu o premio na franxa de 5 a 8 anos; Inés Vázquez Portelana, de Sameira e estudante tamén no CEIP Chancelas, coa mellor obra correspondente á franxa B (9-11 anos); e, por último, Yohel Cappellino Outeda, veciño de Combarro e alumno do CEIP Espedregada, co seu cartel elixido coma vencedor do grupo C (12-13 anos).

En total, o certame repartiu máis de 400 euros en premios en forma de vales para empregar nas librarías de Poio, ademais dun pequeno agasallo a modo de obsequio conmemorativo.

Premios ao deporte

Ademais e durante o evento de onte, tamén se entregaron os emblemáticos Premios ao Deporte San Xoán 2022-2023, que cada ano buscan recoñecer a traxectoria dos deportistas locais, así coma dos clubes e entidades cunha actividade deportiva no municipio.

Cun xurado conformado por expertos deste ámbito e mais representantes da corporación, estes galardóns queren ser unha homenaxe a todos aqueles que fan equipo polo deporte de base e local, o ocio saudable e os bos hábitos entre mozos e maiores en Poio.

Tracking Pixel Contents