Entrevista | Rudesindo Lago Escritor

“Calquera vida pode ter contidos literarios, aínda que ao protagonista non llo pareza”

“Galicia sempre terá no campo os seus verdadeiros sinais de identidade, deixar fóra o rural é como abandonar aos nosos maiores"

Rudesindo Lago.

Rudesindo Lago. / A. G.

A. G.

Coñecido co pseudónimo de “R. S. Lago”, Rudesindo Lago naceu en Barro no ano 1961. Estudou Dereito, pero sempre tivo claro que a súa vocación era a escritura, chegando a colaborar nun feixe de publicacións. O seu último traballo que chegou ao prelo foi a triloxía “A vida é literatura”, libro que está tendo una gran acollida. Solitario, reservado, introvertido e marxinal, R. S. Lago non dubida en recoñecer que odia a enfermidade e a morte e que ten unha especial predilección pola divulgación científica, a ciencia ficción e a filosofía.

–Lánzase vostede a escribir unha triloxía, non había forma de resumir nun libro todo o que quería dicir?

–Probablemente coa soa verba “asombro” ante a realidade xa bastaría para expresar todo o que quero dicir: os seres humanos a bordo dun planeta que xira de maneira insistente arredor do pai sol. Pero na ocasión foi necesaria unha triloxía de máis de mil páxinas para poder expresarme e ser máis potente e devastador. A vida é literatura porque é memoria, pero tamén é un asunto cósmico total! Como dicía Voltaire quen poida, saiba e se atreva que siga o meu exemplo!. Oxalá todos os galegos bos e xenerosos poidan ler esta obra nalgún momento das súas vidas! Eu escribina para cambialos e facelos mellores, despois de lela e asimilala nada volve a ser o mesmo creo.

–A triloxía iníciase co libro “A vida é literatura”. Pode a vida dunha persoa normal ser literaria?

–Si, de maneira absoluta e rotunda; calquera vida é literaria aínda sen querelo a persoa porque habita no espazo e no tempo. Iso para min é suficiente para ser de maneira irremediable literatura ou recordo, que vén sendo algo idéntico. Outro asunto son as diferencias de clases sociais que detesto, como se houbese unha gradación de interese nas vidas dependendo do nivel social e económico. Estás vivo e tes a túa propia historia, iso non se pode impedir por ninguén!

–Os seguintes pasos son os volumes “O espello dos paxariños” e “No ventre do labirinto”.

–A triloxía publicouse completa, a persoa ou institución que a desexe pódea pedir á Editorial Autografía S.L. de Barcelona. Claro que ao recibila terá que mergullarse nas súas páxinas como nas profundidades dun gran océano literario. Mercar a triloxía para non lela sería absurdo. A min como creador o que me gusta é que me lean e falen do que escribo.

–Vostede procede do mundo rural galego, que pode aportar ese mundo á literatura?

–Pois en primeiro lugar varias cousas: osíxeno e boa calidade do aire, auga limpa e libre, herba verde, rosas de colores como as do meu xardín e humildes paxaros cantores. En segundo lugar: autenticidade e sensatez. A nosa comunidade ten e terá sempre no campo os seus verdadeiros sinais de identidade, deixar atrás o rural é como abandonar aos nosos maiores no monte para que os coman as feras como se reflexa na película xaponesa “A balada do Narayama”, do ano 1983, dirixida por Shohei Imamura.

"Escribir é moi duro, sacrificado e solitario. Non todo vai ser apoiar grupos de gaitas e pandereteiras e facer verbenas do santo patrón"

–Entre as presentacións que fixo da obra destaca a colaboración da xunta de montes da Portela, non sei se iso se pode considerar como ser profeta na súa terra?

–Ben, os da xunta de montes dentro da súa actividade cultural, en sesión plenaria favorable apoiaron unha edición limitada, con inclusión por dous anos da triloxía no catálogo da editorial Autografía S.L. de Barcelona, cousa que agradezo moito, pero considero que nestes casos o agradecemento debe ser mutuo. Escribir é moi duro, sacrificado e solitario. Non todo vai ser apoiar grupos de gaitas e pandereteiras e facer verbenas do santo patrón. Que Galicia moderna queremos? Só da lectura pode nacer unha cidadanía viva, saudable e consciente, o resto é en boa medida barullo. Polo menos que, na parroquia da Portela de Barro onde vivo, que saiban o que fago e quen son; o de ser profeta na miña terra, non é dende logo o meu obxectivo. Bástame con que me queiran e respecten.

–A triloxía leva moito tempo escrita, que o levou a dar o paso de publicala?

–A triloxía xa estaba metida na aplicación Kinddle de Amazon hai algún tempo. Ben, a labor dos autores literarios coma min complétase cando o esforzo alcanza ao lector. O que fixen agora foi achegala aos veciños do seu territorio principal, consciente que o de mercar libros por estes pagos é complicado, compran autos, motos, viaxes, tapas de polvo á feira, o que sexa, pero libros non que morden e non teñen tempo de lelos entre tanto partido do Real Madrid e carreiras televisadas de motocross. Así que aos que quixeron regalámosllos, foi un momento único. Eu escribo para publicar e para que me lean, non me agocho, e dado o escaso apoio institucional e das editoriais galegas síntome coma un estranxeiro na miña terra

–Ademais da triloxía, ten máis cousas pendentes no se maxín para trasladalas ao papel?

–Levo escribindo dende o ano 1975, dende que era un adolescente. Empecei escribindo diarios e poemas, son sobre todo poeta. Na actualidade, doulle a calquera formato, teño miles de páxinas escritas e tamén fago debuxos. Sacar o que teño dentro de min outórgame lucidez, creo que é bo para a miña saúde mental que non sempre atravesa momentos felices. Aqueles que queiran poden visitar a miña páxina de autor central en Amazon. Alí hai máis de vinteoito obras colgadas en galego e español. Si, porque eu son un autor bilingüe. Vou seguir escribindo e debuxando ata que me queden forzas. A creatividade é infinita ou non é nada. Por último dicir que son un lector voraz, isto é fundamental para poder escribir.

Suscríbete para seguir leyendo