Paula Cabaleiro, Teresa Nieto e Jorge Mira, no Pleno do Consello da Cultura Galega

REDACCIÓN

O Consello da Cultura Galega (CCG) renovou parte dos seus membros nunha sesión plenaria na que incorporou a Jorge Mira, Paula Cabaleiro e Teresa Nieto. Ademais, renovou no no cargo a Xavier Queipo. Cesaron no posto, por cumprir 8 anos nel, o máximo tempo permitido, Ángel Carracedo, Rebeca Blanco-Rotea e Carmen García Mateo. Esta foi a primeira sesión á que asistiu o novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ao que a presidenta, Rosario Álvarez, lle entregou a insignia da institución.

Paula Cabaleiro (Cangas-1986) é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e conta cun Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela e o CGAC, así como con outro en Educación da UVigo. É xestora cultural e comisaria de exposicións. Teresa Nieto é arquitecta e, desde 1989, funcionaria do Corpo Especial de Arquitectos da Xunta, no que traballa no ámbito da protección do patrimonio cultural. Pola súa parte, Jorge Mira (Baio-Zas-1968) é licenciado e doutor europeo en Física, con premio extraordinario, así como catedrático de Electromagnetismo no Departamento de Física Aplicada da USC.