O Museo de Pontevedra abre o mes das Letras Galegas

Ofrece desde hoxe actividades para poñer en valor a figura de Luísa Villalta

Actividades para escolares no Museo.

Actividades para escolares no Museo. / Gustavo Santos

A Deputación de Pontevedra dá hoxe inicio ao mes das Letras Galegas con diferentes actividades para poñer en valor a figura de Luísa Villalta. Deste xeito, a institución provincial ten programado contacontos e un percorrido literario no Museo de Pontevedra para afondar na traxectoria da escritora e na web institucional recóllese a ficha didáctica sobre a autora homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas neste 2024.

O Museo acollerá as mañás dos xoves 2, venres 3 e martes 7 de maio unha serie de contacontos ilustrados sobre Luisa Villalta. Trátase dunha actividade desenvolvida por Polo Correo do Vento, que está deseñada para o público escolar, a partir de cuarto de primaria, e busca poñer en valor a figura da autora relacionándoa cos fondos existentes no museo.

Na actividade, mentres o narrador trata a biografía adaptada de Luísa Villalta, o ilustrador crea un mural relacionado. Ademais, contémplase a realización dun obradoiro de debuxo, no que, seguindo as instrucións do ilustrador, o alumnado fará unha caricatura de Luísa Villalta.

Tamén no Museo de Pontevedra terá lugar o sábado 4 de maio, ás 12.00 horas, un percorrido literario a cargo de Polo Correo do Vento. Durante unha hora, as persoas participantes visitarán as salas do Museo relacionando os seus fondos coa obra de Luísa Villalta e doutras autoras e autores que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas. Para esta actividade non é necesaria a inscrición previa.

Ademais, a Deputación contempla na súa web a sección “O camiño andado das letras”, unha colección de fichas didácticas con información sobre todos os autores e autoras homenaxeadas co gallo do Día das Letras Galegas, desde o seu establecemento o 17 de maio de 1963. Cada ficha didáctica conta con dúas versións, unha para público adulto e outra para público infantil e ámbalas dúas están compostas por cadansúa ilustración, unha pequena biografía, un apartado de “grandes éxitos”, un pequeno fragmento dalgunha das obras da súa autoría e mais un apartado para colorear no caso das versións infantís.

“O camiño andado das letras” inclúe todas as figuras homenaxeadas nas Letras Galegas, desde Rosalía de Castro ata Luísa Villalta. Da autora á que se lle adica a efeméride este ano, a ficha recolle que foi escritora, tradutora e violinista. Estudou Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela e tamén foi titulada superior en violín, formando parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela. Foi docente de ensino secundario, practicou xéneros como a poesía, o ensaio, a narrativa e mais o teatro, e destacou pola súa intensa actividade cultural e por unha obra que combina a música e a palabra. Como obras destacadas, sinálanse “Música reservada” (1991) e “En concreto” (2004, Premio Espiral Maior de Poesía e Premio da Crítica), das que tamén se recollen cadanseu fragmento.