O Concello pon en marcha o plan Apego sobre a crianza dos pequenos en galego

Xa está aberta a inscrición nas diferentes actividades deste programa para familias

REDACCIÓN

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra pon en marcha o programa de actividades de Apego para esta primavera. Abrangue distintas propostas dirixidas ás familias con fillos e fillas de até 6 anos ou que mesmo están agardando un novo membro.

Todas as actividades son de balde, mais precisan de inscrición previa, xa que contan con prazas limitadas.

As actividades de Apego van dirixidas ás nais e pais, “para darlles a coñecer recursos que sirvan para activar ou enriquecer a lingua que se fala en familia coas crianzas, e tamén para promover espazos de socialización en galego para as familias”. O formulario de inscrición neste programa atópase na páxina web oficial do Concello de Pontevedra.