Entrevista | Camilo Franco Director de Culturgal

“A primeira obriga dunha cultura é non aburrir”

A Feira das Culturas Galegas volve cun formato renovado e ofertará a partires de hoxe e ata o domingo máis de 200 actividades no Pazo da Cultura e no recinto feiral

O xornalista, crítico teatral e escritor Camilo Franco, director da feira Culturgal.

O xornalista, crítico teatral e escritor Camilo Franco, director da feira Culturgal. / Rafa Vázquez

O Pazo da Cultura e o recinto feiral acollen a partir de hoxe a Feira das Culturas Galegas, Culturgal, que inicia nesta 16 edición unha nova andaina encabezada polo escritor, crítico teatral e xornalista Camilo Franco. Despregará ata o vindeiro domingo máis de 200 actividades e contará con 90 expositores institucionais e privados.

–Por que decidiu asumir o reto de dirixir Culturgal?

–Unhas son razóns profesionais, outras de supervivencia, outras teñen que ver coa miña relación coa cultura e co Culturgal en concreto. Nese conxunto de cousas hai algunhas que pesan, como a necesidade de traballar, e que Culturgal ten algo de reto, si, de reto de decir a ver que podemos facer con esto, ata onde podemos chegar porque, dende logo, hai moita distancia a percorrer para medrar.

–Como é hoxe o sector cultural galego, se é que se pode falar dun único sector?

–O primeiro é eso que di, en realidade non temos un so sector cultural, unha soa cultura galega. Creo que o sector cultural galego, falando en xenérico, nos últimos 20 anos cumpriu con unhas esixencias de profesionalización, con moitísimos desafíos sobre o que é a calidade cultural e foi acadando metas tanto na parte profesional e na burocrática como na parte artística, na cultural.

–Que necesita agora?

–Unha vez cumprida esa parte agora o que necesita o sector cultural en xeral é ir ampliando o público, a cantidade de públicos que ten. E necesita que uns sectores culturais sexan motor para outros. E nese cruce de liñas é onde estaría o Culturgal, que é a posibilidade de ver reunidos todos eses sectores culturais xuntos co obxectivo de mostralos aos espectadores, aos públicos.

–Que novidades incorpora a feira neste 2023?

–Hai diría que bastantes, ainda que pareza presumir. En primeiro hai un cambio de aspecto no recinto, na feira, nos postos, que penso que vai chamar bastante a atención dos públicos habituais do Culturgal e que vai a cambiar o ambiente que se vive na feira. Logo hai un cambio de filosofía de programación, ten que ver con que Culturgal máis que ser un resumo deste ano vai ser un adianto do ano seguinte. Esa filosofía ten que afondarse ainda nas vindeiras edición, de maneira que o Culturgal sexa ese punto no que ti como público podes ir abrindo expectativas e anotando no teu carné de baile cultural que cousas son interesantes para o ano seguinte, como ir abrindo boca para o ano seguinte. Outro cambio considerable é no espazo artístico, máis alá do recinto o Pazo terá moita mais actividade en el estarán 15 galerías de arte, actividades de ilustración, cómic etc.

Unha das grandes vantaxes da cultura é que ten capas, e ten profundidade, e o público ten que ter a capacidade e digamos o catálogo suficientemente amplo como para saber ata onde quere chegar: podes quedarte na comedia, profundizar no drama, entrar na metafísica ou quedarte na superficie. E o Culturgal vai ter todas esas cousas

–Culturgal rebaixa este ano os prezos de entradas e bonos…

–Había unha queixa xeneralizada e a resposta hai que explicala de duas maneiras: baixou a entrada simple en internet a 3 euros e na billeteira serán 5. Todos os eventos culturais necesitan esa previa decisión de compra para que a billeteira non se volva un rebumio e non deteña á xente, que a entrada sexa fluida. Os prezos baixaron un 25% porque houbo o ano pasado algunhas queixas por esto, aínda que este ano hai moita mais programación, e hoxe con 3 euros de entrada simple, sin calcular os bonos familiares, de grupo etc, o que podes facer na feira durante todo un día por eses 3 euros son cousas que prácticamente deixan irrelevante o prezo: ir a un concerto, seguir unha charla de 8 debuxantes, asistir a un recital de poesía con premios nacionais de Poesía, asistir a estreas… Eso sin contar o non-stop de actividades infantís, que xa só eso xustificaría o prezo da entrada.

–Defende que non é bo que, como sistema, as actividades culturais sexan totalmente de balde

–Como sistema non é bo, porque o que é balde non ten valor. Esto non é unha declaración interesada, está demostrado que en certo modo o público non lle da valor a aquelas cousas que non paga. Creo que faríamos un flaco favor ao mundo cultural galego se o Culturgal fose gratis total, ten prezo moi pequeno para as actividades que ofrece de diversión continuada durante 8 horas.

Está demostrado que en certo modo o público non lle da valor a aquelas cousas que non paga. Creo que faríamos un flaco favor ao mundo cultural galego se o Culturgal fose gratis total

–Porque vostede dí que a cultura ten que ser, si ou si, divertida

–Si, o que non explico é como se divirte calquera. Non sei se Otelo é divertido ou non, non é cómico, pero é divertido. Ti ao final asumes ese tempo como un tempo que te sacou do teu contexto habitual e que polo tanto poderíamos calificalo dentro da diversión. Non ten por que ser cómico, pode ser serio e ser divertido. Poderíamolo poñer por pasiva: a primeira obriga dunha cultura é non aburrir. Para os repugnantes que digan que esto hai que matizalo, pois sí, ten un matiz: cada un entende a diversión e o aburrimento á súa maneira. E logo unha das grandes vantaxes da cultura é que ten capas, e ten profundidade, e o público ten que ter a capacidade e digamos o catálogo suficientemente amplo como para saber ata onde quere chegar: podes quedarte na comedia, profundizar no drama, entrar na metafísica ou quedarte na superficie. E o Culturgal vai ter todas esas cousas, a decisión final é soberana, é a do público. Pero creo que sí, que necesitamos comunicar a idea de que a cultura é para divertirse, para sair do contexto habitual, para aprender cousas novas, e ese mapa de situación que vas adquirindo a través da cultura sexa divertido, no sentido de que cando salgas dalí, do Culturgal, dos concertos, da presentación dun libro ou dun recital de poesía penses que ese tempo foi aproveitado e significou un momento bo. A cultura non pode aburrir.

Suscríbete para seguir leyendo