O escudo de San Fiz de Forzáns, en Ponte Caldelas

Os irmáns Gregorio, Juan e Pedro López de Soto pediron ser recoñecidos como fidalgos en 1715

Escudo heráldico atopado na igrexa parroquial de Forzáns.

Escudo heráldico atopado na igrexa parroquial de Forzáns.

Xunto á igrexa parroquial de San Pedro Fiz de Forzáns atopouse soterrado un escudo heráldico boca abaixo nas inmediacións do cemiterio, cando se estaban facendo as obras de ampliación para construír o cemiterio novo. Dous veciños que estaban facendo eses traballos atoparon a pedra e, ao querer quitala, despegaron sen querer o helmo do resto do escudo. Este descubrimento suscitou a curiosidade dos veciños, xa que ninguén sabía a que familia podía pertencer, e decidiron poñelo na súa posición actual que é na porta principal de acceso á igrexa parroquial de Forzáns.

Loxicamente o escudo tiña que pertencer a unha familia nobre, polo menos a un fidalgo. E así atopamos que tres irmáns, Gregorio López de Soto, veciño de Forzáns, Juan e Pedro, os tres naturais de Verducido, pediron ser recoñecidos como fidalgos en 1715, pois os seus ascendentes son hidalgos notorios de sangre, de aí que solicitan que se les borren de los padrones de pecheros si les hubiesen puesto en ello y les vuelvan y restituyan tolas las prendas y mas que les han sido sacadas por pecho de pecheros libremente y sin costa. E máis, piden que ao consello e aos veciños de Verducido se lles poña unha multa, por non querer recoñecelos como fidalgos. E así, unha vez que teñen o recoñecemento oficial, o 28 de abril de 1715 deuse a coñecer aos veciños a resolución da Sala de Fidalgos de Valladolid na misa da igrexa de San Martiño de Verducido.

A familia López de Soto ou Sotomayor tiña a súa orixe en Soutolongo (Lalín), onde vivían os bisavós de Gregorio chamados Juan López de Sotomayor e Magdalena de Soto. Un fillo seu, Juan López de Sotomayor, casou con Ana de Soto e foron veciños de Verducido (a unha legua de Forzáns). En 1654 Juan era un dos rexedores do concello de Soutomaior e o arrendatario das sisas de viño, vinagre, aceite e carne de dito concello. Dito Juan conseguiu casar a un sobriño chamado Jacinto cunha filla que tiña a súa muller dun anterior matrimonio. E así dito Jacinto López de Soto casou en 1646 con Dominga Piñeiro, pasando a vivir ao lugar de Porto en Verducido e sendo pais de catro fillos, entre eles Gregorio.

Gregorio López de Soto e Piñeiro, foi bautizado en Verducido o 29 de xaneiro de 1652.

A partir de 1671 foi escribán de S.M e de Número de Forzáns. Os escribáns eran ben considerados socialmente pois supuña neles unha boa formación académica e unha boa posición económica. O escribáns reais recibían a súa autoridade e nomeamento da Coroa tras ser examinados e aprobados polo Consello, quen a partir de 1570 delegou na Real Audiencia da Coruña a potestade para examinar e aprobar aos aspirantes. Para exercer pedíaselle, entre outros requisitos, limpeza de sangue, dous anos de prácticas e dispor de patrimonio suficiente. Ademais debía satisfacer o dereito de media annata para recibir o título, é dicir, tiña que entregar á Coroa a metade do que ganase o primeiro ano. Os escribáns de número eran nomeados polo Señor do coto ou xurisdición, que neste caso era o señor de Soutomaior e marqués de Tenorio, se ben tiñan que contar tamén coa aprobación do Consello.

En 1676 estaba xa casado con Juana de Sobral e Soto, irmá do licenciado Miguel e de Juan Antonio, presbítero Santa María de Barbudo e logo de Soutomaior.

Tiveron dous fillos (un foi cura), que viviron en San Adrián de Calvos, e unha filla que, casada, pasou a vivir a Soutomaior, de aí que non se perpetuara a familia en Forzáns e aínda que Gregorio fose sepultado nesta parroquia, a súa memoria pronto quedou no esquecemento e por iso o escudo heráldico apareceu soterrado.

Trátase dun escudo cortado e partido. Primeiro cuartel, baixo o lema de SOTO (do que por corrosión só se le: …TO) hai unhas ondas, unha árbore e cinco flores de lis (unha flor trala árbore): Armas dos SOTO. Terceiro cuartel: un piñeiro e unha torre: armas dos PIÑEIRO. Segundo cuartel, unha torre ou acueduto, e no cuarto cuartel unha árbore.

Sobre as armas dos Soto lemos no testamento outorgado en 1586 por Juan de Soto, veciño de Pontevedra, que as armas dos Soto son cinco flores de lis e unha torre e unha venera. En Millerada (Forcarei) o escudo dos Soto ten no segundo e terceiro cuartel cinco flores de lis e unha árbore, pero non a torre, igual que neste escudo, no que a venera parece ser substituída polas ondas mariñas.

O terceiro cuartel, un piñeiro e unha torre, vémolo indicado na Enciclopedia Gallega, como armas dos PIÑEIRO.

O segundo e cuarto cuartel hai que pensar que fan referencia aos apelidos da muller de Gregorio, Juana de SOBRAL e SOTO.

Aínda sabendo con certeza como son as armas dunha familia, pode observarse que non se representan sempre do mesmo xeito, como vemos no caso dos Soto, porque a maioría dos escudos dos fidalgos galegos non foron aprobados polas autoridades e a creación dos escudos foi obra privada, non suxeita a normas e ademais dependía tamén da destreza do canteiro.

Suscríbete para seguir leyendo