O escultor Manuel Buciños, galardoado co premio Celanova Casa dos Poetas

A Fundación Curros Enríquez enxalza a súa “longuísima traxectoria”

O padroado reuniuse onte na Casa dos Poetas.   | // FDV

O padroado reuniuse onte na Casa dos Poetas. | // FDV / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O xurado do premio Celanova, Casa dos Poetas, acordou este sábado, por unanimidade, concederlle o galardón da 49 edición deste certame a Manuel García Vázquez (Carballedo, Lugo), coñecido artísticamente como Manuel Buciños, “pola súa longuísima traxectoria no cumio principal da arte escultórica galega, como transformador que ten sido das formas lisas e apacibles da madeira, o bronce e a pedra”. Formas, engade o xurado na súa resolución, “que se mimetizan subliminalmente coas da orografía das nosas serras e das que emerxen figuras que transmiten sensibilidade e harmonía dun xeito tan persoal que resulta imposible admirar algunha das súas obras sen esclamar interiormente: ‘Esa é de Buciños!’”.

A Fundación Curros Enríquez, promotora deste premio, sinala que mantiña “unha eiva aberta” sen a presenza de Manolo Buciños no cadro de honra do seu Padroado, polo que quixo “saldala definitivamente” neste ano no que se cumpre o centenario da declaración da Capela de San Miguel como Monumento Histórico Nacional, incorporando a ese catálogo de galardoados ao “autor da fermosísima escultura do fundador de Celanova, San Rosendo”.

O Padroado da Fundación Curros Enríquez reuniuse onte coa presenza de representantes do Concello de Celanova, da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades, da Deputación Provincial de Ourense, da Real Academia Galega e outros patróns a título individual, co fin de aprobar as contas e actividades de 2022, planificar as actuacións para 2023, así como acordar o orzamento anual que aportan en distintas proporcións algúns dos patróns institucionais.