Opinión | Voyager

Un país para leerlo

Os programas de televisión sobre libros son unha rareza exquisita. O ritmo de publicación do sistema literario español é descomunal e os espazos de visibilidade na pantalla son tan reducidos que é un milagre que a un libro se lle concedan uns minutos de atención. Cando escribes nunha lingua distinta do castelán, a dificultade é coma un bucle que se enrosca ata acadar unha postura intransitable. Por que escribimos entón en galego? De fondo sempre esa pregunta que nos repiten coma unha penitencia. Moitas veces sinto a tentación de contestar: porque me peta. Mais os motivos que adoito ofrecer son máis elegantes e con certo valor argumental. Escribo en galego por compromiso, por amor, por lealdade, por coherencia, polo valor inmenso da diversidade, por unha cuestión de identidade, de autoestima, de orgullo, de raza. E todo isto é certo e é enorme. Pero igual de certa é a desvantaxe coa que partimos as persoas que escribimos en galego. Por iso, cando un programa coma “Un país para leerlo” toma a decisión de volver a Galicia, viaxar ata Vigo e centrar a atención en nós, hai algo de catártico.

Escribiu María Reimóndez que “Vigo ole a unha persoa acabada de levantar do mar”. Pareceume precioso que empregasen este verso para definir esta cidade tan literaria e ás veces tan difícil. Porque a autora e tradutora María Reimóndez é luguesa pero escolleu Vigo como lugar de residencia, igual que no seu momento fixeron Agustín Fernández Paz ou Carlos Oroza. Esta cidade está amarrada á literatura con tanta forza que se dis Rosalía resoa o eco das máquinas da imprenta Juan Compañel, se dis Martín Códax acelérase o ritmo das ondas, se dis Jules Verne semella sacudir un dos raxos da criatura mariña que esculpiu en bronce José Molares e que contempla a paisaxe desde As Avenidas. Unha das cousas que máis me gustaron do programa é o respecto polas diferentes categorías literarias, alén do carácter integrador e o tratamento que lle deron á lingua galega.

Se os versos de María Reimóndez definían a cidade, a entrevista a Yolanda Castaño foi un xeito de poñer en valor a calidade da materia poética do país. Precisamente foi Yolanda quen explicou que somos das poucas literaturas que teñen coma figura central unha muller. Falou da profesionalización do sector, dos estereotipos asociados á poesía, os lastres que se arrastran, quizais pola connotación romántica do xénero. Houbo espazo para o recordo a Domingo Villar a través da voz de Pedro Feijoo e tamén un oco para a Aula Hospitalaria do Hospital Álvaro Cunqueiro, onde as nenas e nenos teñen un equipo de profesionais preocupadas de que a estancia alí sexa o máis agradable posible, e onde hai unha biblioteca viva que ten un peso substancial. Emocióname pensar que os libros son lugares felices en situacións difíciles. Especialmente para a cativada.

O programa, que nesta temporada é conducido pola tamén galega Carolina Alba, ten unha sección onde persoas anónimas recomendan os seus libros favoritos. Prestoume moito escoitar unha viguesa falar con paixón de “La colina de Watership”, de Richard Adams, un dos libros importantes da miña vida. O Hospital Álvaro Cunqueiro, a alameda, o Castro, a Portal do Sol, Alcabre, o mar, O Elixio, os guindastres convertidos no emblema de Vigo coma cidade industrial... Aí está a nosa identidade. Somos obreiras e somos atlánticas. Haberá nisto algo de orgullo vigués, mais que tremendamente linda loce a cidade na pantalla.

Suscríbete para seguir leyendo