Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O rostro revelado de Juan Compañel, editor de 'Cantares gallegos'

Historiadores vigueses descobren a única fotografía coñecida do editor e impresor chave do Rexurdimento

José Luis Mateo Álvarez, membro do Instituto de Estudos Vigueses, amosa a instantánea que descubriu nun álbum da familia Chao Ricardo Grobas

“A. M. de Cisneros, a mi amigo y paisano Juan Compañel, 1857”. Ollando aquel vello álbum prestado, con fotografías que databan de mediados do século XIX ata mediados do século XX, o que menos imaxinaba namentres pasaba as páxinas era atopar entre aqueles rostros un retrato con esta inscrición. Estaba seguíndolle a pista aos irmáns Eduardo e Alejandro Chao a través daquelas instantáneas compiladas polos seus herdeiros e que xa non eran quen de identificar, cando o historiador vigués José Luis Mateo Álvarez ficou abraiado ante aquela imaxe de “dandi” que aparecía asinada e dedicada.

Retrato de Juan Compañel realizado e dedicado por Cisneros en 1857. Ricardo Grobas

Da outra beira do teléfono, o filólogo Xurxo Martínez, quen sabía que José Luis Mateo Álvarez estaba a voltas coa investigación, ao ver que estaban achándose imaxes inéditas de Alejandro Chao envioulle unha mensaxe: “Estaría xenial que agora aparecese unha foto de Rosalía de Castro ou de Juan Compañel”. Co que non contaba Xurxo era coa resposta do historiador vigués, quen lle rebotou unha fotografía do retrato que acababa de atopar.

Compañel entrégalle a Alejandro Chao esta imaxe cando marcha para A Habana no 57

Xurxo Martínez - Doutor en Filoloxía

decoration

Foi así como estes dous investigadores vigueses deron coa primeira e única fotografía coñecida até o momento do editor e impresor chave do Rexurdimento, Juan Compañel. “A familia non sabía o que tiña aí, viven en Madrid e descoñecían a figura de Juan Compañel e a relevancia que ten para a cidade de Vigo, pero para as persoas que estamos dentro da cultura e da sociedade galega, isto é un notición!”. Con estas palabras expresaba José Luis Mateo Álvarez a emoción da súa descuberta e sinalaba que “a importancia desta imaxe radica en que por fin podemos poñerlle cara a Juan Compañel, un persoeiro fundamental no mundo da imprenta, dos xornais e da literatura galega, ademais de que deixa constancia da migración de toda unha xeración de vigueses cara Cuba”.

A este respecto, Xurxo Martínez, doutor en Filoloxía, Cum laude e Premio extraordinario de tese da Universidade de Vigo por ‘La Oliva (1856-57). Un xornal progresista e provincialista na soleira do Rexurdimento’ apunta que “esta é unha fotografía que Compañel lle entrega ao seu amigo Alejandro Chao como recordo cando marcha para A Habana no 1857, explicando así que tivera aparecido no álbum familiar dos Chao”.

Ambos investigadores coinciden en que a importancia histórica do documento é “tremenda”, posto que ademais de tratarse da primeira imaxe que revela o rostro do editor e impresor do Rexurdimento, existe outro aspecto que fai que a instantánea cobre unha maior relevancia para historia de Galicia, pois o autor do retrato é Andrés Marcelino de Cisneros, fotógrafo pioneiro na comunidade galega e do que non se coñecían fotos anteriores a 1858. 

Foi casualidade; atopeina nuns álbums que me prestaron os herdeiros dos Chao

José Luis Mateo Álvarez - Historiador e membro do Instituto de Estudos Vigueses

decoration

Xurxo Martínez indica que “até o de agora pensábase que as imaxes máis antigas de Cisneros eran as encargadas pola raíña Isabel II na súa visita a Santiago de Compostela en 1858, pero o retrato que lle fai a Compañel é anterior. Estamos falando da fotografía máis antiga dun fotógrafo galego, porque as anteriores que existen foron realizadas por fotógrafos estranxeiros, ingleses ou franceses”. 

Ante esta descuberta, o historiador José Luis Mateo Álvarez fixo fincapé na importancia do patrimonio fotográfico que cómpre identificar para conservar a historia da cidade. Neste senso, o tamén membro do Instituto de Estudos Vigueses afirma que “Vigo neste momento está perdendo moito patrimonio documental porque non dispoñemos dun arquivo ou dun museo municipal onde conservar estes legados e é unha mágoa”.

A súa traxectoria na cidade

Vigo xogou un papel chave no Rexurdimento e en gran medida isto débese á figura de Juan Compañel. Foi no ano 1855 cando o editor e impresor compostelán se afincou na urbe da man de Alejandro Chao e de José Ramón Fernández, líder do Partido Progresista en Vigo, quen situou á fronte dunha imprenta na Rúa Real a Compañel co obxectivo de que se fixera cargo da impresión do xornal ‘La Oliva.’ 

Pronto, o editor e tamén xornalista faise co pulso da cidade participando activamente na vida sociocultural e política. Neste senso, Xurxo Martínez explica que Compañel “forma parte do Recreo Artístico e Industrial de la Ciudad de Vigo, participa das loitas no bando dos republicanos, alístase na Milicia Nacional para defender a Revolución de 1854, cofunda o Banco de Vigo, xunto con Manuel Bárcena, e tamén a papeleira La Cristina, que se atopa en Lavadores e cuxo edificio aínda segue en pé”.

En canto á súa actividade como editor e á súa relevancia para a literatura galega, Martínez afirma que “Compañel é o principal impresor do Rexurdimento”. E é que é na Rúa Real, o 17 de maio de 1863, cando ve a luz o primeiro exemplar de ‘Cantares Gallegos’, de Rosalía de Castro. Porén, esta non é a única obra da poeta que se imprimiría en Vigo, xa que previamente, en 1859, Compañel edita no seu taller a que supón a primeira novela da autora: ‘La hija del mar’. Así mesmo, antes de ‘Cantares Gallegos’, no obradoiro de Compañel tamén se publica o poemario ‘A mi madre’, tras o pasamento da nai de Rosalía de Castro. Por outra banda, Xurxo Martínez destaca que os primeiros libros de Manuel Murguía tamén foron editados no taller vigués.

"Compañel é o principal impresor do Rexurdimento"

Xurxo Martínez - Doutor en Filoloxía

decoration

No ano 1856, Juan Compañel pasa a converterse no director de ‘La Oliva’ , sendo Murguía o director literario, e un ano máis tarde sofre a censura por parte do Goberno, de maneira que se ve abocado a pechalo, pero tira de enxeño para manter o proxecto e fundan unha nova cabeceira: ‘El Miño’, cuxa actividade manterá ata o triunfo da revolución de ‘La Gloriosa’ no 68, cando recuperan ‘La Oliva’, mantendo a numeración do segundo xornal, “un xesto moi simbólico que fixo ver á sociedade viguesa que sempre estiveron aí”, indica Xurxo Martínez.

A pesar daquela reformulación, as multas e a censura mermaron a capacidade económica da imprenta e, coa chegada da República en 1873, Compañel accede a un posto político e abandona Vigo para asumir as competencias como delegado do Ministerio de Fomento en Ourense. Tras a caída da República, emigra a Cuba, onde retoma a súa actividade como impresor xunto con Alejandro Chao, quen en 1880 publicará ‘Follas Novas’.

Dezaoito foron os anos que Juan Compañel pasou en Vigo, un período de tempo no que non deixou de alimentar e impulsar a consolidación do Rexurdimento en Galicia dende o Casco Vello vigués, deixando así a súa pegada para a historia e constancia da mentalidade aperturista da cidade, indiscutible símbolo de modernidade naquela época.

O fotohistoriador e experto na figura de Andrés M. de Cisneros, Carlos Castelao.

O fotohistoriador e experto na figura de Andrés M. de Cisneros, Carlos Castelao. FdV

“É o primeiro retrato da historia tomado en Galicia por un fotógrafo galego”

Carlos Castelao - Fotohistoriador

decoration

Logo de atopar o retrato no álbum de fotografías antigas da familia Chao, unha das grandes incógnitas para os investigadores José Luis Mateo Álvarez e Xurxo Martínez era confirmar que o home que aparecía na instantánea era Juan Compañel e que non se trataba de Andrés Cisneros. É por isto que non dubidaron á hora de poñerse en contacto con Carlos Castelao, fotohistoriador compostelán e experto na figura deste fotógrafo pioneiro na comunidade galega, quen adianta que a fotografía podería tratarse tamén do primeiro talbotipo achado na comunidade galega.

–Que evidencias hai respecto á autoría desta instantánea?

–Hai moitos indicativos para determinar que foi Andrés Cisneros quen a fixo. En primeiro lugar, porque dos dous el é o que foi fotógrafo. En segundo lugar, porque na imaxe aparece a data de 1857 e precisamente esa foi a época na que Cisneros actuou en Galicia, coincidindo coa aparición da fotografía aquí. A outra pista é a propia inscrición que aparece na instantánea, unha dedicatoria cuxa letra é idéntica á da sinatura de Cisneros. Por outra banda, na época na que é tomada a fotografía, Juan Compañel tería uns 28 anos de idade, mentres que Cisneros tiña 37, e o retratado ten unha apariencia dun home máis ben novo.

–Malia que naceu en Santiago, Juan Compañel é unha figura que está fortemente vencellada a Vigo, mentres que Cisneros desenvolvía a súa actividade en Compostela; é posible que tomara este retrato na cidade olívica a pesar de ter o seu estudo en Santiago?

–É perfectamente posible porque Andrés Cisneros practicaba a ambulancia, desprazándose a outras cidades para facer fotografías. De feito, existen dous documentos que confirman esta actividade ambulante en Vigo. O primeiro é unha nota de prensa do ano 1859 na que Cisneros anuncia a venda dun daguerrotipo, unha cámara que fai a fotografía seguindo o procedemento orixinal inventado por Daguerre en Francia década e media antes, mediante a cal sobre placas metálicas se efectúan positivos directos. Cisneiros vai a Vigo a vender esta cámara, non a vende en Santiago. Isto quere dicir que tiña certos intereses comerciais nesta cidade. E o outro documento que nos confirma que practicaba a ambulancia é unha acta notarial que descubrín no arquivo de Santiago no que el deixa á súa muller como encargada da súa fortuna porque vai facer unha viaxe a outras terras de España e mesmo do estranxeiro. 

–Con respecto ás características técnicas desta fotografía, que é o que se coñece polo de agora?

–Este é un aspecto que chama moito a atención. Aínda non tiven a oportunidade de vela, pero ao ampliar a foto que me enviaron por mensaxe, dáme a espiña de que podería tratarse dun talbotipo. Cando nace a fotografía, existen dúas técnicas: por unha banda, está a que inventa Daguerre en Francia, os denominados daguerrotipos e que se realizan sobre pranchas metálicas, obtendo positivos directos. A outra técnica que nace tamén no mesmo ano, pero en Reino Unido, é o denominado talbotipo, debido que ao seu inventor se apelidaba Talbot. O curioso desta segunda técnica é que empregaba o concepto actual que todos entendemos do negativo e positivo, de maneira que obtendo primeiro un negativo, por contacto logo sacabas o positivo, podendo ademais realizar un montón de copias. O problema naquela época é que Talbot inventou unha técnica de negativo a positivo de papel a papel, de xeito que toda a trama do negativo pasaba ao novo soporte de papel e saía como se fose unha fotocopia, a imaxe non quedaba nítida. Ata que non vexa a orixinal non o poderei confirmar, pero poderiamos estar ante o primeiro talbotipo achado en Galicia, xa que o retrato está tratado e cómpre lembrar que o mesmo Cisneros era pintor tamén, especializado en realizar retratos en miniatura.

–Se coñecer por primeira vez o rostro de Juan Compañel era de por si un fito histórico, tendo en conta o que comenta, tamén o sería por partida dobre.

–Dobre ou triple, porque hai contemplar tamén a relevancia desta fotografía para o propio Andrés Cisneros: é o único retrato coñecido feito por el, non fotografía como tal, porque temos identificadas máis de 20 e son de carácter monumental. El retratou en 1858 a chegada da raíña Isabel II a Santiago, pero non á raíña, senón os monumentos e a Exposición Rexional que se celebraba no Mosteiro de San Martiño Pinario, con tres imaxes nas que aparecen o claustro, coas pezas expostas e persoas mirando estas pezas, pero non tiñamos retratos asinados por este home. Aquí é importante destacar que tampouco é que haxa moitos retratos coñecidos feitos en Galicia antes dos anos 57,58 e 59, que son os anos fundacionais da fotografía de estudo masificada, co cal é un documento excepcional dende o punto de vista da historia da fotografía galega.

–Podería dicirse entón que estamos ante a fotografía máis antiga tomada en Galicia por un fotógrafo galego?

–Efectivamente, de aí a súa relevancia. E malia que non poida considerarse como a primeira en xeral, aí andará, porque a día de hoxe só hai constancia dunha monumental en Ferrol en 1857 e de tres daguerrotipos na Coruña, que probablemente daten do 1850. Xa ves que digo probablemente, e é que non estamos cento por cento seguros, xa que antes non as asinaban. Por iso, con respecto ao retrato de Compañel, a grande vantaxe é que leva unha inscrición e unha data. Cisneiros foi a Francia no 1850 a formarse en pintura e sospeitase que alí foi onde aprendeu as técnicas máis avanzadas da fotografía, de maneira que cando volveu a Galicia, púxoas en práctica aquí, fundando o primeiro estudo fotográfico rexentado por un galego e tan só se dedicou a isto entre os anos 1857 e 1859.

Compartir el artículo

stats