Opinión

Casa de citas

Coleccionismo da palabra escrita

Walter Benjamin en Ibiza en 1932. Foto extraída de la biografía de Theodor W. Adorno 'En tierra de nadie' (Herder).

Walter Benjamin en Ibiza en 1932. Foto extraída de la biografía de Theodor W. Adorno 'En tierra de nadie' (Herder). / FDV

Non nos estamos a referir a un “local destinado a encontros íntimos entre persoas”, tal como, pudorosamente, define o Portal das Palabras a expresión do noso titular. Pretendemos con el ponderar e comentar a paixón polo coleccionismo de citas que acompañou a Walter Benjamin (1892-1940), escritor coñecido pero non famoso, que decidiu acabar coa súa vida en Portbou cando fuxía do nazismo.

Cando lemos un texto e subliñamos unha palabra ou un parágrafo estámonos apropiando dun significado ou dunha idea expresado polo autor. Manchamos e deterioramos o libro como signo de posesión. É o paso previo a unha “cita” que non deixa de ser en numerosas ocasións unha apropiación indebida; de aquí que para paliar esa acción tolerada procuremos consignar o nome do autor do texto marcado interesadamente. Usadas con rigor e sensatez, as citas posibilitan e son testemuño de encontros textuais e diálogos insospeitados con autores do pasado e con escritores actuais sin necesidade de que estean presentes tal como poetiza Quevedo no primeiro cuarteto dun célebre soneto: Retirado en la paz de estos desiertos,/con pocos, pero doctos libros juntos,/vivo en conversación con los difuntos,/y escucho con mis ojos a los muertos.

Desde os arredados anos da Baixa Idade Media os sermóns e tratados teolóxicos, e eu diría que todo tipo de escritos sapienciais, estaban atestados de citas da Biblia e dos seus escoliastas e glosadores. Dada a sacralización da palabra escrita, cumpría a cita, como adoita ser habitual, unha función de dotar de autoridade os escritos. Pero en non poucas ocasións, as citas tamén suplían a falta de argumentación e incoherencia das obras, unha especie de perlas incrustadas na intrascendencia do discurso.

Malia que a maioría das citas proceden da literatura escrita, os fragmentos citados de memoria circulan coma se fosen literatura oral e reciben un tratamento semellante aos contos e narracións folclóricas que van cambiando co tempo e nunca son verificables. Son moitas as citas apócrifas que circulan atribuídas a autores coñecidos porque ao apoiarse no prestixio destes aumenta a aceptación das mesmas. Circunstancia que non deixa de gardar certo paralelismo con Borges cando para proclamar as virtudes dun tradutor di que o orixinal é infiel á tradución (Otras disquisiciones: “Sobre el Vahtek de William Beckford”).

Pero probablemente sexa Walter Benjamin o caso máis extremo e orixinal no tratamento dado á cita. No seu empeño de ruptura coa tradición mostrenca que arrastran as citas canónicas e influenciado polo uso revolucionario que fai da cita periodística o gran escritor austriaco Karl Kraus (1874-1936) no seu xornal satírico “Die Fackel”, Benjamin proclama a súa aspiración a que a citación opere como os ladróns na estrada, que asaltan e atacan destruíndo a paz mental que producen os saberes establecidos. A esta paixón de Benjamin pola cita dedicou páxinas maxistrais a súa amiga Hannah Arendt. O obxectivo do coleccionismo de citas do seu amigo era descontextualizalas para dotalas de novas significacións; ata tal punto que chegou a concebir a escritura dun libro de citas estruturadas de tal maneira que se podería prescindir de calquera outro texto explicativo. Pretendía desposuír as citas da súa utilidade á maneira dos obxectos coleccionados polas crianzas que soamente gardan valor para elas. Así, conclúe Hannah Arendt, o coleccionista, igual que o revolucionario, soña cun mundo mellor onde as cousas e as palabras estean liberadas de dependencia da utilidade. Con este obxectivo Benjamin converteu a súa casa nunha casa de citas, con Goethe e Kafka á cabeza dos citados.

*Académico numerario da RAG

Suscríbete para seguir leyendo