Opinión

De re lexicographica (VI): Aferrar o coi

Esta expresión foi usada por millares e millares de galegos desde o século XVIII, marcou decenas e decenas de xeracións de mariñeiros que atoparon no regazo do coi un espazo íntimo para soñar, chorar e tecer todo tipo de fantasías. A palabra “aferrar” é un derivado do lat. ferru(m) e como tal forma parte dunha extensa familia de palabras (ferrar, ferradura, ferrador, ferreiría, ferruxe, ferrancho, ferrancheiro etc) que derixaron o seu ronsel na toponimia, antroponimia e tamén, naturalmente, na vida cotiá. Na nosa expresión probablemente derive dun catalanismo náutico que nos transmite o significado inicial de “suxeitar con ferros”, tal como informa o biblia da lexicografía hispánica, o dicionario etimolóxico de Corominas.

Resulta que nos barcos da Armada a partir do século XVIII os mariñeiros, que dormían en esteiras de esparto na cuberta, pasan a ocupar un lugar resguardado no sollado da embarcación. Aquí usaban como, digamos, saco de dormir, o “coi” (do neerl. kooi, cama a bordo), un anaco de lona en forma de rectángulo que, colgado polas cabezas, servía de cama. Reunía moitas ventaxes según nos conta Alexandro Anca: era de fácil manexo, recuperaba facilmente o centro de gravidade e protexía da fauna numerosa de roedores que cohabitaban coa tripulación. Tiña outras moitas utilidades secundarias pero importantes: servía para tapar vías de auga, permitía pasar varias horas a flote en caso de ter que abandonar o barco e en non poucas ocasións servía de mortalla ocasional.

Pois ben, cada día coa diana había que aferrar o coi, dobralo e atalo co rebenque e poñelo na batallola que deixaba un xeneroso espazo no sollado unha vez recollidos todos. O entrenamento para aferrar o coi costaba moitos arrestos e, por veces, sangue nas mans.

"Cada día coa diana había que aferrar o coi, dobralo e atalo co rebenque e poñelo na batallola”

Un días por semana según ordenanza de 1821 debía facerse zafarrancho de coi que consistía en fregalo con auga e area na cuberta e poñelo a secar, motivo polo que cada mariñeiro dispoñía de dous cois coas correspondentes esteira e manta. O espectáculo dos cois extendidos para secar en enxarcias e rebenques ten ocasionado algún conflito por semellar que era un buque engalanado por motivo dalgunha solemnidade.

A palabra e o seu significado quedan perfectamente perfilados na película ‘Master and Commander’ dirixida por Peter Weir e protagonizada por Russell Crowe e onde na escena final despois do combate lanzan os corpos dos mariñeiros mortos amortallados nos seus cois. Obviamente, unha vez máis, o Portal das Palabras non recolle a palabra “coi” malia ter constituído un espazo de intimidade que condicionou a vida de milleiros de galegos.

Algúns escritores, caso de Celso Emilio Ferreiro ou Xavier Alcalá, coñecedores da importancia da palabra e das súas conotacións, non dubidan en usala na súa obra. Non a recolle o Portal das Palabras, non vaia ser que o acusen de proletarizar o léxico galego. Pola miña parte sempre lembrarei o alivio que sentín cande deixei o cuartel de instrución de Ferrol e os seus cois aferrados para trasladarme ao cuartel de Dolores onde non había estas singulares hamacas. Os últimos buques que usaron coi foron ‘O Galatea’, ‘O Juan Sebastián Elcano’ e o ‘Canarias’.

Suscríbete para seguir leyendo