Segunda Feira

Arredor da Oliveira

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

A Xurxo, gardián dos enigmas da rúa de Santiago

Díxose que, nas proximidades da Oliveira simbólica de Vigo, o pavé fora asentado sobre detritos procedentes da igrexa primitiva de Santa María. Entre Elduayen e o Paseo de Afonso terminaron unhas escavacións baixo control arqueolóxico, e tales vestixios relativos a Martin Codax non foron achados.

O que non perturba a memoria desta zona da cidade na que se hospedou Manoel Antonio e na que aínda rachan o ar trallazos e esgutíos dos cocheiros da dilixencia de Tui. Derrubaron o Asilo de Anciáns Desamparados, pero a noveliña Os probes de Deus da que foi autor aquel Amado Carballo que tanto frecuentou as tertulias literarias de Vigo aínda hoxe pode ser lida con interese pola súa prosa solidaria e irmandada co patetismo dalgúns grandes narradores rusos do XIX. Xosé Lodeiro, “pintor de Vigo”, nacera na Falperra e viviu longo tempo no Toural de Teis. Mataba as saudades da súa nenez reuníndose con amigos na taberna minúscula das Tres Ventanas, que abría portas á confluencia da Rúa de Santiago co ancho do Chafarís que dialoga sempre coa Oliveira, heráldica por atribución popular. Nos baixos do que fora Casa do Barón, segue sempre o bar e restaurante que levou o nome de La Tropical e que hoxe é El Castro. As vistas desde este establecemento son famosas: enxérganse calexas cegas e currunchos misteriosos. En La Tropical de antano sábese que Prego de Oliver debuxou as ilustracións de Merlín e Familia de Álvaro Cunqueiro. A Oliveira chegou a converterse en lugar de cita habitual de manifestacións antifranquistas.

"Nos baixos do que fora Casa do Barón, segue sempre o bar e restaurante que levou o nome de La Tropical e que hoxe é El Castro"

É de recordar o caso de Xavier Alonso Salgueiro, detido e condenado por arborar alí unha bandeira galega (sen estrela) en acordanza da Revolución Galega de 1846. O “infortunado mozo da bandeira”, comunista de Organización Obreira, foi defendido por Afonso Álvarez Gándara perante o TOP, que foi cruel e inxusto no seu fallo. Diciamos Lodeiro e reiteramos que el aprendeu a domar o vermello ollando solpores sobre a ría desde a “Acera Volada” do Paseo de Afonso. A tiro de pedra, na Rúa de Santiago, Xavier Romero e a Editorial Elvira velaron polo patrimonio poético de Carlos Oroza, o altísimo poeta que elixiu Vigo para vivir os seus días derradeiros: á sombra da Oliveira que, no relato sentimental de Vigo, cobexou a aparición de Rosalía de Castro no mundo literario.

Suscríbete para seguir leyendo