O Correlingua prevé reunir hoxe en Bueu a preto de 1.500 escolares de todo O Morrazo

A marcha polas rúas do centro sairá ás 10.30 horas da Praza Massó

Redacción

“Até acolá, galego xa”. Baixo este lema as rúas de Bueu encheránse hoxe con preto de 1.500 escolares de todo O Morrazo nunha nova edición do Correlingua, actividade organizada de xeito conxunto pola CIG Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e aAsociación Psicopedagóxica Galega para a promoción do uso da lingua galega.

A cita será ás 10.30 horas na Praza Massó, onde os máis cativos poderán gozar dunha serie de obradoiros e actividades varias, mentres os rapaces de maior idade desfilarán xuntos nunha marcha polas rúas do centro de concello buenense. Deste xeito, a comitiva partirá desde a propia Praza Massó para tomar Montero Ríos, desviarse por Johán Carballeira e pasar despois por José María Estévez e Eduardo Vincenti antes do regreso ao punto de partida. Alí a actriz Isabel Risco exercerá como mestra de cerimonias, mentre un grupo de alumnos do IES Illa de Ons e do IES Johan Carballeira serán os encargados de dar lectura a un manifesto no que se expón a necesidade de coidar do idioma propio para evitar que esmoreza.

“Coidar unha lingua é como coidar unha árbore. É síntoma de intelixencia, respecto e responsabilidade. Apreciar o galego e interesarse por el só nos conecta con cousas boas”, subliña o manifesto, que asimesmo apunta que falar galego “é conservalo e transportalo ao futuro. Fainos mellores. Fainos persoas respectuosas e atentas”, e remata sentenciando que “nós, e ti tamén, temos o poder de levar o galego dende aquí até acolá”.

A partir das 12.30 o protagonismo recaerá no grupo A Gramola Gominola porá a ambientación musical mentres o Clube Corredoiras de Bueu fará unha sesión de xogos populares.

Tanto á chegada dos autobuses cos rapaces dos diferentes centros educativos (arredor das 9.45 horas) como á súa saída (en torno ás 13 horas), se cortará ao tráfico un tramo da rúa Montero Ríos.