Os predicadores da Semana Santa de San Martiño

Polo menos desde 1672 traíase un crego a predicar en Venres Santo

Pagos no libro de contas de San Roque de 20 reais a un predicador para Semana Santa no ano 1813.

Pagos no libro de contas de San Roque de 20 reais a un predicador para Semana Santa no ano 1813. / MAURO PÉREZ

Mauro Pérez*

Os predicadores de Semana Santa, pagados pola Confraría da Soidade e pola Confraría de San Roque.

Fai uns poucos días tiven a oportunidade de conversar con Manuel Pérez González, “Manolo O Cachelo”, veciño nonaxenario do Cruceiro. Contou como Enrique Rubido, párroco de San Martiño entre principios dos anos 1900 ata 1950, traía un crego a predicar o sermón do Venres Santo, costume que xa se perdeu a día de hoxe.

O certo é que as ordenanzas da Confraría da Soidade establecen que “el mayordomo ha de ser obligado a traer un predicador que predique el Viernes Santo por la mañana el sermón de la pasión de Nuestro Señor Jesucristo y a la tarde el sermón del mandato y descendimiento de la cruz y le pagará el mayordomo a costa de dicha cofradía lo que concertase con dicho predicador”.

É dicir, xa desde, polo menos, 1672 traíase un crego a predicar en Venres Santo por partida dobre: unha á mañá sobre a paixón de Cristo e outro no serán á vez que se producía o descendemento da cruz do Cristo articulado. Este último é o único que se conserva hoxe en día, sendo pronunciado polo párroco durante a cerimonia do desencravo. Entendemos que, unha vez suspendida a actividade da confraría en 1931, foron os curas párrocos quenes invitaban e pagaban o padre predicador. Temos constancia de que se fixo con Enrique Rubido, con Donato Bernárdez e con Heraclio Couceiro ata mediados da década de 1970. O último invitado foi un padre redentorista, que, ó predicar tan mal, fixo que Heraclio Couceiro dese el mesmo o sermón. Sabemos que outros anos viña un frade capuchino, que emocionaba ós asistentes coa súa descripción da paixón de Cristo, recordos que aínda gardan moitos veciños. Sen embargo, si sabemos que, seguindo as ordenanzas da Confraría para o Desencravo, Heraclio era axudado por outros dous curas, un deles Manuel Rodríguez, veciño da nosa parroquia e último cura párroco da de Tirán.

Por último, é necesario destacar que a “Confraría do Glorioso San Roque” pagou en 20 reais en 1812, en 1813, en 1817 e en 1820 por un “predicador de la Semana Santa”. Nos anos seguintes (1814, 1815, 1816, 1818 e 1819) pagouse “un predicador”, sen especificar; pero, tendo en conta que nos anos nos que se poñía que era para Semana Santa só había ese descargo con ese nome, é de supoñer que sinxelamente omitiron esa información. Non sabemos se partir de 1821 a Confraría de San Roque seguiu a pagar un predicador de Semana Santa neste momento porque o libro ó que temos acceso remata en 1820.

*Investigador moañés e herdeiro da documentación do finado cronista oficial de Moaña Manuel Uxío García Barreiro.

Suscríbete para seguir leyendo