Un día de romarías e festas ao redor da lingua e da cultura

Centos de persoas acuden a pasar o día aos adros de Darbo e Sanamedio | Festival de Charaviscas en Domaio

A comarca do Morrazo uniuse onte ao resto de Galicia para celebrar o día grande da cultura e das letras galegas. Unha xornada chea de actos nos que había música, xogos e moita festa para reivindicar a lingua e homenaxear a Francisco Fernández del Riego. Un día no que festa e a cultura propia danse a man a través de iniciativas como as romarías de Bon e de Darbo. A primeira con máis de 20 anos de historia e a segunda que se estrea neste 2023 e que comeza con moita forza. Como diría Álvaro Cunqueiro, que duren mil primaveiras máis.

Este ano o Día das Letras Galegas coincide en plena campaña electoral de cara aos comicios municipais do vindeiro 28 de maio. Así, representantes dos diferentes grupos políticos deixáronse ver nas distintas festas e eventos de onte en Cangas, Moaña e Bueu.

A Romaría das Letras Galegas de Bon celebrou a súa vixésimo segunda edición organizada polo Concello de Bueu e Asociación Cultural Sanamedio e como é tradición tivo adro de Sanamedio, un espazo que forma parte da lírica medieval galega grazas as cantigas do trobador Johan de Cangas. O programa contou con actividades para todos os públicos, con actuacións musicais como Os Liboreiros e Pais de San Roque ao mediodía, un contacontos de Polo Correo do Vento centrado na figura de Francisco Fernández del Riego, a música de Os Palleta Mollada ou un micro aberto para recitar textos poéticos.

Para tentar animar a xente a que acudise a pasar o día neste espazo privilexiado, cunhas fermosas vistas sobre a ría, volveu a montarse unha barra na que se servía comida e bebidas para quen quixera quedar a comer alí. Ademais era unha boa ocasión para colaborar co Bueu Atlético de balonmán, a quen se destinaba a recaudación.

A xornada ao redor das Letras Galegas rematou no Centro Social do Mar cun festival coral organizado pola Coral Polifónica Marusía, que estivo acompañada pola Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro (Valga), Coral Polifónica de Salceda de Caselas e a Coral Polifónica Queixumes do Hío. Un estilo musical diferente ao do festival do martes nos xardíns Urbano Lugrís, nas Lagoas. Era “Sons no Urbano!”, no que actuaron Xosé Lois Romero e Aliboria, os bueueses The Skarnivals e M@3DJ.

A Asociación Cultural Peis D’Hos cumpre os seus primeiros dez anos de traxectoria e neste 2023 estrea a “Romería do 17”. E que mellor sitio para unha romaría que adro da popular festa de Darbo, en Cangas. A medida que foi avanzando a xornada máis e máis persoas achegáronse a este lugar para desfrutar da música, cultura e incluso da oferta gastronómica. Non faltou unha pulpeira para preparar o polbo, houbo churrasco e ata comida vegana. E o menú artístico incluiu un espectáculo infantil con Dani Blanco, cantos de taberna e a música de Os Melidaos e Verde Menta.

Nenos con xogos tradicionais en Darbo. |   // GONZALO NÚÑEZ

Un momento do festival de Charaviscas, onte no Centro Cultural Rosalía de Castro en Domaio. / david garcía

No Concello de Moaña a festa viu por parte da Asociación Cultural e Folclórica Charaviscas de Domaio, que tivo lugar no centro cultural Rosalía de Castro. Alí actuaron o seu grupo de pandereteiras, de baile tradicional e a compañía de teatro dirixida por María Salgueiro, que puxo en escena “Desconectadas”.

As actividades ao redor das Letras Galegas non acaban aquí. Hoxe en Moaña haberá unha charla no salón de plenos sobre Francisco Fernández del Riego a cargo de Malores Villanueva. Moaña seguirán o sábado no palco do paseo marítimo cun festival folclórico e o domingo cun coral no centro cultural Daniel Castealo.

En Bueu tamén se estenderán os actos ata a fin de semana. Mañá o Cineclub Bueu proxecta “Matria” no Centro Social do Mar e o sábado haberá diversas actividades na Casa do Pobo de Beluso e na Casa da aldea de Meiro.

Suscríbete para seguir leyendo