Francisco Fernández del Riego, Homenaxeado polas Letras Galegas

Paco del Riego: o home que viviu co permiso do enterrador

Galicia renderá tributo á figura que creou o Día das Letras Galegas, a editorial Galaxia e que refundou o Partido Galeguista na clandestinidade tras andar fuxido no golpe militar

Mar Mato

Mar Mato

Relataba o homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, Francisco Fernández del Riego, en “Conversas con Paco del Riego” de Perfecto Conde (Xerais) que tras volver da Guerra Civil e comezar a traballar no despacho de Valentín Paz Andrade en Vigo, un día chamaron por teléfono preguntando por el. Unha voz espetoulle antes de colgar de inmediato: “¿Sabe usted que está viviendo con permiso del enterrador?”.

“E ao día seguinte, igual. Epadendoutro, da mesma maneira. Tres días consecutivos. Eu xa non descolgaba o teléfono. E felizmente non pasou máis nada”, proseguiu explicando Don Paco.

Engade sobre este episodio Lourenzo Fernández Prieto no limiar de “Diario da guerra” (Galaxia) outras verbas de Del Riego: “Eu tiña conciencia de que a vida naqueles momentos non valía absolutamente nada”.

Abofé que así era. Dos integrantes do Comité constituído en Compostela en cumprimento da Lei de Defensa da República, só Fernández del Riego e José Carnero Valenzuela salvaron a vida. O resto foron fusilados. Don Paco sempre creu que os asasinaran por acordar o asalto del cuartel do Hórreo.

De recluta (centro) en Bonaval no 1936.   | // GALAXIA

De recluta (centro) en Bonaval no 1936. / GALAXIA

Del Riego optou por non asinar e voltar para a casa familiar onde seu pai durmía coa pistola enriba da mesa por se viñan buscar o fillo para matalo. Uns amigos da familia cedéronlle unha vivenda para agochalo en Santiago. Alí permaneceu meses ata que chamaron a filas aos excedentes de cupo, fillos de viúva ou rapaces que libraran do servizo militar por algunha cuestión, por exemplo, pouca visibilidade. Paco Del Riego entraba neste último grupo e aconsellado pola familia presentouse ante os militares.

O seu pasado supoña unha ‘mancha’ aniquiladora naquel momento: aínda sendo estudante de Dereito celebrou o Día de Galicia na súa vila, en Lourenzá (Lugo), poñendo a bandeira de Galicia no Concello e pronunciando un discurso galeguista; tamén como universitario entrou en organizacións galeguistas en Compostela onde estudaba Dereito, meteuse no sindicato de estudantes, colaborou co xornal nacionalista “A Nosa Terra”, participou no Seminario de Estudos Galegos, militou no recén fundado Partido Galeguista con Castelao, Bóveda, Risco ou Pedrayo; recorreu Galicia dando mitins e vendendo libros da editorial Nós.

Xa licenciado, colaborou na redacción do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, fixo campaña a prol del. Nas urnas, o Estatuto recibiu o si da poboación pero cando ía ser aprobado nas Cortes, sucedeu o golpe de estado fascista.

Ante este currículo, cando chegou ao cuartel deixáronlle claro que lle perdoaban a vida lle amparaba o uniforme. O que lle intentaron minar foi a dignidade: mandándoo limpar os baños ata que os universitarios foron chamados a unha nova unidade militar que sacou a Don Paco de Santiago para envialo a distintos frontes incluído o de Teruel. Desde maio de 1938 ata marzo de 1939, imos acompañándoo no seu periplo no libro “Francisco Fernández del Riego. Diario da Guerra” onde chega a escribir “síntome tristeiro. É unha tristura tan fonda, que me sae do cerne da alma. ¿Que son eu arestora? Un número. Todo, menos un home...”.

Inda que peor é o que vive o 24 de setembro de 1938: “Os cans chegaron cabo de nós, botando un cheiro noxento. Zaparon na terra e desenterraron cadáveres. Trabaron os corpos apodrecidos e rebozáronse na podre”.

Décadas despois recoñecería a Perfecto Conde (“Conversas con Don Paco del Riego”) que “tanto me daba morrer como non morrer. Estaba sentado unha vez xunto a un canón e había un rapaz de Ferrol (...) e veu unha bala perdida, deulle na fronte e caeu redondo á miña beira”.

Pero Paco del Riego sobreviviu e de volta a Vigo comezou de cero, mesmo pasando fame. “Con Maside facía unha comida ao día. Só a do mediodía (...) O pan estaba cheo de vermes pero os vermes alimentaban máis ca o pan”, recordou anos despois.

Don Paco seguiu traballando e no 1940 casou coa súa moza Evelina, unha estudante de Farmacia que coñecera en Compostela antes da Guerra.

Con Evelina, en Petín.

Con Evelina, en Petín. / mar mato

Foi no verán de 1943 cando con outros galeguistas decidiu resucitar o Partido Galeguista na clandestinidade, agachados todos da policía. Inda que extremou as precaucións, acabou indo á prisión.

Ao longo dos anos, Del Riego faría da defensa do galego, a súa cultura e de Galicia as súas causas, colaborando nas primeiras emisións en galego na radio na BBC; na fundación da editorial Galaxia e da imprenta Artes Gráficas Galicia, na creación da revista “Grial”.

Tamén entrou na Real Academia Galega onde propuxo celebrar o Día das Letras Galegas que comezou no 1963, ano no que foi elixido para dirixir a Fundación Penzol en Vigo que comezou con 18.000 libros de Penzol e 30.000 del.

Nas últimas dúas décadas de vida, dirixiu a Real Academia Galega, escribiu libros sobre Ánxel Casal, o pensamento galeguista, Cunqueiro e mesmo unha autobiografía. No 2003 finou a súa dona Evelina Herbella e o 26 de novembro de 2010 morreu el en Vigo con 97 anos. Marchaba o último gran patriarca das Letras Galegas.

Suscríbete para seguir leyendo