A escola de idiomas celebra o mes da francofonía en Cangas

Baile galego en francés, xogo de pistas e comida compartida a carón do Muíño de Fausto

Actividades lúdicas realizadas polo grupo de francés a carón do Muíño de Fausto, en Coiro, para celebrar o Día da Francofonía.   | // FDV

Actividades lúdicas realizadas polo grupo de francés a carón do Muíño de Fausto, en Coiro, para celebrar o Día da Francofonía. | // FDV / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Co gallo do mes da francofonía, o departamento de francés da sección de Cangas da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Vigo realizou unha serie de actividades ao longo do mes de marzo. O alumnado tivo a oportunidade de charlar con persoas francófonas asentadas na comarca do Morrazo, de ir ao Cineclub Cangas para ver os dous filmes que se proxectaron en lingua francesa e festexar o Día da Francofonía no Muíño de Fausto. Nesta festa, recibiron unha clase de baile galego en francés da man de Miguel Sotelo, director e profesor da asociación Peis d’Hos, realizaron un xogo de pistas e descubriron o funcionamento do muíño. Unha xornada de convivencia que ten como obxectivo estreitar lazos entre o alumnado e promover a aprendizaxe desta lingua.

A escola de idiomas celebra o mes da francofonía en Cangas

A escola de idiomas celebra o mes da francofonía en Cangas / REDACCIÓN

Estaba tamén prevista nestas datas a reunión do club de lectura “Lire ? Avec Plaisir !”, que tivo que ser posposta paro o vindeiro 14 de abril. Para esta próxima reunión a persoa invitada será Xosé Xabier Ron Fernández, profesor, tradutor e político galego que virá explicar o seu traballo de tradución da novela “Morrerei outro día”, de Isabelle Alonso, publicada pola editorial Hugin e Munin. O club de lectura, que se reúne unha vez ao mes desde outubro de 2021, é un espazo de intercambio entre tradutores e tradutoras, editoras e todas as persoas interesadas na literatura en lingua francesa e na tradución en galego. Participaron no club persoas como Iolanda Galanes e Xoan Manuel Garrido, profesores da Universidade de Vigo; Isabel Martínez, tradutora e profesora de francés; e Alejandro Tóbar e Moisés Barcia, tradutores e editores. Teñen tamén sesións de contacontos en francés da man de Xosé Manuel Neira, segundo explican as persoas á fronte da organización, que agradecen a colaboración de Peis d´Hos e da Comunidade de Montes de Coiro nas actividades realizadas.

Ampla oferta formativa

A sección de Cangas da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, sita no IES Rodeira, ofrece a posibilidade de estudar francés ata o nivel B2.1 e inglés ata o C1.2. Entre o mes de maio e xuño poderase realizar a prescrición ou as probas de nivel para o vindeiro curso escolar, destacan as promotoras, e engaden que tamén ofrece cursos monográficos de 60 horas de inglés para o turismo e de expresión oral.

Suscríbete para seguir leyendo