Os concellos da comarca prometen fomentar o galego nas relacións coa Xustiza

Asinan a “Declaración de Pontevedra”, impulsada pola Irmandade Xurídica

Leticia Santos e Félix Juncal, onte, asinando o manifesto.

Leticia Santos e Félix Juncal, onte, asinando o manifesto. / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e o seu homólogo de Bueu, Félix Juncal, asinaron onte, xunto a outros 33 representantes municipais da provincia, a “Declaración de Pontevedra”, coa que se comprometen a fomentar o uso do galego nas relacións entre as corporacións locais e a Xustiza. O Concello de Cangas prometeu rubricar a posteriori este acordo, impulsado pola Irmandade Xurídica Galega, a Xunta de Galicia e a Asociación de Funcionariado para a Normalización Lingüística.

O acto celebrouse na Deputación e tanto a presidenta provincial, Carmela Silva, como a deputada de Lingua, a moañesa María Ortega, consideran o compromiso “un feito histórico” na normalización do idioma propio, ao entender que o galego “fica aínda relegado no uso xudicial por cuestións históricas”.

O manifesto asinado establece como obxectivo normalizar o galego como lingua do dereito e das relacións e procesos xudiciais nos que interveñan os concellos, así como o compromiso de que os representantes municipais, mediante as asesorías propias ou externalizadas, soliciten á xustiza que as resolucións lles sexan notificadas no idioma propio.

As contratacións das asesorías xurídicas externas dos concellos asinantes deberán incluír, de agora en diante, unha cláusula para que as actuacións procesuais se realicen nesta lingua.

Suscríbete para seguir leyendo