Ponte…nas ondas! convida aos centros a enviar os seus podcast para celebrar o Día Mundial da Radio

A pioneira iniciativa educativa súmase un ano máis á celebración da UNESCO e encherá as ondas co Entroido como tema principal

Os traballos poden ser enviados até o día 10 de febreiro e serán emitidos o día 13 no portal Escolas nas Ondas

Celebración do Día Mundial da Radio.

Celebración do Día Mundial da Radio. / Ponte... nas Ondas

R.V

A ONG Ponte…nas ondas! súmase un ano máis á celebración do Día Mundial da Radio e convida aos centros educativos a enviar programas, podcast ou “radiovisuais” para seren emitidos o 13 febreiro no portal Escolas nas Ondas co Entroido como temática principal.

Aproveitando que, por unha banda, "o día 13 de febreiro coincide neste ano co martes de Entroido (non lectivo)", e que, pola outra, "o entroido é unha das manifestacións do Patrimonio Cultural Galego-Portugués e, por tanto, tamén é unha boa ocasión para encher as ondas de programas co Entroido como tema principal", a iniciativa pioneira da radio educativa lanza unha nova convocatoria para a conmemoración desta efeméride na que, ademais, a UNESCO festexará un século da radio como medio de comunicación baixo o lema: 'Un século informando, entretendo e educando'.

Patrimonio común

"As afinidades entre as festas de inverno de Galicia e o Norte de Portugal son unha evidencia do patrimonio común que compartimos e todas as diversas manifestacións deste ciclo festivo anual poden estar presentes na programación do Día Mundial da Radio desde calquera punto da Eurorrexión", sosteñen desde a ONG Ponte…nas ondas! para propór aos centros educativos galegos e portugueses o envío de podcasts, vídeos ou radiovisuais.

Serán emitidos o día 13 no portal web Escolas nas Ondas para celebrar esta data e para difundir así o modelo Ponte... nas ondas!: educación, patrimonio, comunicación e novas tecnoloxías.

Os traballos gravados poden ser enviados até o día 10 de febreiro ao enderezo web@escolasnasondas.com e desde a ONG comparten unha serie de suxestións para a celebración deste ano https://www.unesco.org/es/days/world-radio/13ideas.

[object Object]

A radio escolar é hoxe un medio que forma e educa nos medios de comunicación. Ponte…nas ondas! é unha iniciativa pioneira no ámbito da radio educativa e ten evolucionado en paralelo á radio como medio de comunicación.

Foi unha das primeiras emisións de radio por internet (1997) e ten experimentado con realizacións de radio por televisión, creando así “radiovisual”. A radio é hoxe un poderoso recurso educativo que contribúe á mellora da competencia comunicativa sendo unha fonte continua de inspiración para o alumnado.

Ponte…nas ondas! é unha ONG acreditada pola UNESCO para o Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) desde 2015, a única entidade en Galicia e desde 2022 está inscrita no rexistro das boas prácticas co PCI da UNESCO.